Miguel García e Iván Docampo en ciencia e deporte, e Elixio Villaverde a título póstumo, premios Arenteira 2019
A oitava edición dos Premios Arenteira, que promove o Aparthotel Arenteiro, celebrarase o 29 de novembro, e nese acto entregaranse os galardóns correspondentes ás modalidades de Cultura e Ciencia, Deporte e Título Póstumo, que recaeron, respectivamente, en Miguel Ángel García, Iván Docampo e Elixio Villaverde.
Así o manifestaron esta mañá Uriel Bernardez, xerente do Aparthotel Arenteiro, e Xosé Luis Sobrado, presidente do xurado, durante a presentación deste evento.
Uriel Bernardez expresou a súa satisfacción por acadar a oitava edición do premio e facelo cun incremento notable na participación das entidades colaboradoras, que se volcaron nas propostas e votacións, chegando ao 90 por cento dos posibles receptores da iniciativa.
Xosé Luis Sobrado glosou os méritos de cada un dos galardoados.
Así, de Miguel García destacou o labor que leva realizando dende hai 35 anos coa recollida de datos na estación meteorolóxica do Carballiño; de Iván Docampo destacou os premios recibidos en probas de cross e media maratón, e de Elixio Villaverde significou o seu papel de investigador da comarca do Carballiño, especialmente da emigración a México, pero tamén doutras vertentes históricas, como a Guerra Civil.