A moda da "cociña sobre rodas" chega esta fin de semana á Praza da Veracruz, con gastronomia, música e actividades infantís
O evento gastronómico de moda “food trucks” ou “cociña sobre rodas” acude por vez primeira ao Carballiño dentro dunha iniciativa denominada “Carballiño Street Food”, e que se desenvolverá o 1,2 e 3 de setembro na Praza da Veracruz.
“Trátase dunha selección dos mellores food trucks cunha variada oferta gastronómica pensada para todos os públicos”. Así foi presentada este mediodía polos concelleiros de Turismo e Cultura, Manolo Dacal e Diego Fernández, respectivamente, e representantes da compañía que promove o evento.
Hamburguesas premium, xeados artesáns, bocadillos gourmet, ensaladas orixinais, tapas diferentes, viños de autor, cervexas especiais, sesión vermú e outras propostas gastronómicas, alternaranse coa animación de grupos de música en vivo e obradoiros infantís. As food trucks participantes son: Baden Baden Food Truck (comida alemana – salchichas), ComeCamiños Food Truck (hamburguesas), CrepCabaret (crepes douces e salados), Country Food (cociña Tex-Mex), La Perlita Food Truck (pasta fresca, focaccias recheas), Jabu Go! (xamón ibérico en distintas elaboracións), ToffeeGlass (douces e repostería artesá arxentina), e La Monda con zumos y helados.
A apertura terá lugar o venres, 1 de setembro, pola tarde, ás 19,00 h; o sábado 2 e o domingo 3, terá os horarios de 12,00 a 16,00 h., e de 19,00 a 00,00 h. As principais actuacións de grupos de música en vivo son: o venres 1, ás 21,30 h., THE TETAS´ VAN; o sábado 2, tamén ás 21,30 h., EN MALA HORA, e o domingo 3, en dobre sesión, ás 13,30 e 20,00 h., SOUL&ROLL. Todos os concertos, así como a animación de DJ e as actividades infantís terán lugar no escenario do auditorio da Praza da Veracruz.
As actividades infantís terán lugar o sábado 2, ás 19,00 h., e o domingo 3, ás 12,00 h. Os concelleiros de Cultura e Turismo dixeron na presentación que se trata dun evento moi atractivo que vai supoñer un aliciente nesta fin de semana previa ás festas patronais para que visiten a vila moitas persoas de fóra, e unha oportunidade para que os carballiñeses e a xente da comarca poida degustar un tipo de cociña e produtos de moita calidade que non se ofertan na gastronomía local.
Asemade, o reponsble da empresa que organiza o evento agradeceu a colaboración do concello, así como dos patrocinadores (Abanca, Gadis, Mahou e Pazo Tizón), e fixo fincapé no éxito que está acadando este tipo de iniciativas en Galicia e toda España, e que esperaba que tamén o fose no Carballiño.