A Mostra de Viños do Ribeiro, dentro do programa da Festa do Pulpo, acapara a atención durante a fin de semana na Praza Maior do Carballiño
A Mostra de Viños do Carballiño reivindica a enograstronomía como recurso estrela da provincia de Ourense.
Durante toda esta fin de semana, no marco da programación da Festa do Pulpo, a Praza Maior do Carballiño será o escaparate de seis bodegas: Arco da Vella-Adega do Eladio, Adega Viña-Carpazal, Eduardo Bravo, Casal de Armán, Pazo Tizón e Oryctes. Veciños, veciñas e visitantes poderán degustar os caldos en horario de 12.00 a 21.30 horas.
Os viños serviranse nunhas copas especialmente deseñadas para a Festa do Pulpo, que nesta 62 edición se dedica á D.O Ribeiro, a máis antiga das galegas. Viño e pulpo serán a perfecta maridaxe desta celebración declarada no 2022 festa de interese turístico internacional.
A música tamén estará presente durante toda esta fin de semana. Para este sábado programouse o concerto de Isidro Vidal, ás 20.00 horas na Praza Maior. O domingo Os Biruxes animarán as rúas e, a partir das 20.00 horas, agárdase a actuación de El Hechizo de Nora.