A mostra "Manuel María: a palabra viva" abre o programa de actividades organizadas polo concello para homenaxear ao autor do "Cantigueiro do Orcellón"
Ao acto inaugural desta exposición asistiu o alcalde, Francisco Fumega, o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, os portavoces do Partido Popular, Argimiro Marnotes, e de Alternativa Veciñal, Bernardo García, e a concelleira do PP, Pilar Caride.
A exposición, que consta de vintecinco paneis e podemos ver na casa do concello durante os meses de Abril e Maio, amosa dun xeito didáctico e moi prolífico a vida e a obra de Manuel María, a quen se lle adica este ano o Día das Letras Galegas. O alcalde referiuse no acto inaugural ao intenso programa que ten elaborado o concello para conmemorar as Letras Galegas e que, nunha parte importante, comprenderá actos vencellados con Manuel María e a obra poética que lle adicou ás terras do Carballiño.
Francisco Fumega, que definiu a Manuel María como “O poeta do Orcellón”, en consonancia co alcume de “Poeta da Terra Cha”, adiantou que o próximo 15 de abril vaise presentar nun acto público na Casa da Cultura a reedición do Cantigueiro de Orcellón, que financia o concello en colaboración coa Fundación Manuel María, e que contará coa asistencia da viúva do poeta, Saleta Goy, e do historiador Felipe Senén, autor das ilustracións do cantigueiro que Manuel María lle adicou ao Carballiño e á súa comarca.
Dende a concellalía de Educación e Cultura xa se remitiu información aos centros educativos non só do Carballiño, senón de toda a comarca, para que poidan planificar visitas cos seus alumnos e alumnas. Incluso o concello ofrece un servizo de guía para aqueles centros que queiran percorrer o roteiro do Cantigueiro de Orcellón.
A exposición, que foi elaborada pola Fundación Manuel María, que colabora estreitamente co concello do Carballiño nesta efeméride, permanecerá aberta en horario de 08,00 a 20,00 h., de luns a venres, e de 08,00 a 14,30 h., os sábados, do 1 ao 15 de abril. Trátase da primeira actividade que leva a cabo o concello do Carballiño dentro do programa elaborado pola concellalía de Educación e Cultura co gallo das Letras Galegas. Este programa, que terá preto de vinte actividades culturáis, desenvolverase durante os meses de abril e maio, e será presentado a próxima semana.