Municipais 2015: Os socialistas prometen incrementar o gasto en servizos sociais
O portavoz do Grupo Municipal do PSdeG e candidato á alcaldía, Paco Fumega, afirmou que os socialistas "apostan por un Carballiño de futuro e de progreso, que pasa pola defensa dos servizos públicos de calidade, polo que comprometeuse a incrementar considerablemente o gasto en servizos sociais cando chegue á alcaldía".
Así o manifestou en rolda de prensa xunto á secretaria de Organización do PSdeG, Erika Paz. Fumega sinalou que os servizos sociais son “a bandeira do PSdeG e unha das nosas máximas prioridades”, e defendeu que os cartos públicos deben destinarse a mellorar os servizos municipais en lugar de derrochalos en cousas innecesarias.
Puxo como exemplo deste derroche "o malgasto do goberno de Marnotes en avogados, a perda de diversas subvencións ou o incremento de 300.000 euros no servizo de recollida do lixo dende que se asinou o convenio coa Deputación.Este é diñeiro de todos os veciños, e por tanto debería destinarse a cousas que beneficien aos cidadáns, que sofren a suba dos impostos pero cada vez teñen menos servizos”.
Fumega salientou que o aumento do paro nun 11% dende que Marnotes chegou ao goberno contribuíu á que a xente nova tivese que marchar do Carballiño, que perdeu 232 habitantes só entre 2013 e 2014, quedando cunha poboación maioritariamente envellecida que require atención. Defendeu ademais que unha vila que é cabeceira de comarca precisa para a súa proxección de futuro ofertar prestacións fundamentais en materia de sanidade, dependencia, igualdade ou conciliación.
Os socialistas lembraron que Marnotes "lonxe de apostar polas prestacións públicas, chegou a privatizar un servizo imprescindible para moitos cidadáns como o de Axuda no Fogar, levando ás traballadoras a unha situación insostible e provocando, coa súa desidia, despreocupación e irresponsabilidade que fosen as propias traballadoras as que asumisen todo o peso para seguir atendendo aos cidadáns que o precisan".
Fumega defendeu este servizo e tamén a Residencia do Cornuval, comprometéndose a ser “belixerante cos recortes da Xunta do PP” neste caso. “Non é lóxico que unha residencia pagada con fondos públicos non ofreza prestación cando hai moita xente que a necesita, e que a Xunta só oferte 20 prazas como medida electoralista. Os socialistas iremos mais alá e esixiremos a total apertura das instalacións”, adiantou.
O PSdeG aposta tamén pola conciliación laboral e familiar, fundamental para atraer e fixar poboación no Carballiño. Así, Erika Paz destacou que "Marnotes tentou eliminar o programa de Familias Madrugadoras, posto en marcha polo PSdeG en 2007, e acabou por “cambiarlle o nome, multiplicarlle o prezo e reducir o servizo, ademais de despedir ao coordinador por considerar que non é un servizo necesario”.
Salientaron ademais a importancia da Sanidade e da colaboración do Concello en programas como o de prevención da drogodependencia, eliminado por Marnotes; ou o da Igualdade, área que perdeu subvencións ao quitarlle o nome da concellería e que quedou reducida a “facerse a foto nos días sinalados, mentres se deixaron de lado programas importantísimos para loitar contra a violencia de xénero, a través do CIM, ou o teléfono de axuda a emerxencias que se suprimiu”, explicou Erika Paz.
“O Carballiño do futuro ten que apostar polo desenvolvemento económico, que está directamente relacionado co benestar social, polo que os socialistas temos claro que o investimento en materia social será unha das nosas principais prioridades no goberno municipal”, concluíu Paco Fumega.