Música, teatro, cine, deporte, gastronomia, termalismo e natureza na programación da Semana Santa do concello carballiñés
A Semana Santa carballiñesa, ademáis das procesións e celebracións relixiosas que organiza a Cofradía da Veracruz, contará cun amplo e variado programa de cultura e deportes, que foi presentado esta mañá polos concelleiros de Cultura e Deportes, Diego Fernández e Manuel Dacal, respectivamente.
Arredor dunha trintena de actividades desenvolveranse ao longo da próxima semana no Carballiño co obxectivo de atraer ao turismo e ofrecer aos carballiñeses e visitantes unha variada gama de alternativas de entretemento.
No eido deportivo destacan tres grandes eventos, como son a recuperación da Subida á Saleta, que celebra a 21 edición e terá lugar o sábado 13 e o domingo 14. Por primeira vez na historia, haberá unha competición de piragüismo no río Arenteiro: Campionato Galego Xogade Piragüismo, en modalidade K1, onde participarán arredor de 400 palistas das categorías prebenxamin, benxamín e alevín, e que terá lugar entre a presa do parque municipal (pasarela do Hotel O Xardín) e a ponte de Toscaña. E o II Torneo Fútbol Sala Senior Feminino, que se disputará o sábado 20 no pavillon de deportes, con 14 equipos de toda Galicia inscritos.
Manuel Dacal dixo que eran eventos de gran trascendencia deportiva e económica, pois a participación nos tres era moi elevada e atraerán a moita xente. Destacou o gran interese da Subida á Saleta, e o feito histórico de celebrarse unha proba de piragüismo no río Arenteiro, organizada pola Federación Galega. Por eso agradeceu á organización dos tres eventos estas iniciativas que situaban ao Carballiño no centro do deporte galego.
No ámbito cultural destacan, ademáis das excelentes proxeccións do Cine Club, o espectáculo Os Monicreques do Kukas, coa obra “Xan Perillán compra queixo, compra pan”, en colaboración coa Rede Galega de Teatros e Auditorios, que terá lugar no auditorio municipal o sábado 13 ás 18,00 h. E a obra de teatro “A leituga”, da compañía EME&DOUS, tamén dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios, que terá lugar o sábado 27 de abril, ás 21,00 h., no auditorio municipal.
Así mesmo, haberá un gran concerto de piano e canto, homenaxe ao Mestre Vide, autor da música da canción “Carballiño”, considerada como o Himno do Carballiño. Actuarán a pianista Noemí Salomón e a soprano Anaís Fernández, e a colaboración da Coral Polifónica Casino do Carballiño. Será o mércores 17, ás 20,00 h., no auditorio municipal, coa entrada totalmente libre.
Os outros concertos de interese son “Xan Curiel e Charo Pita. Homenaxe a Antonio Fraguas, dentro da Rede de dinamización lingüística “Canta miña pedra canta”, que será o xoves 18, ás 20,30 h., na Praza Maior. E o concerto do grupo carballiñés “The Impossiblues”, que actuarán o sábado 20, ás 23,30 na Praza Maior.
O sábado 13, a partir das 21,00 h., haberá unha foliada polas rúas que organiza a Agrupacion Cultural Avantar, e o domingo de Pascua, 21 de abril, haberá un baile-verbena na Praza Maior a cargo da orquestra Aramio. E o martes 16, día de feira, na que tamén haberá animación musical de rúa.
Finalmente, o domingo 21, ás 11,00 h., terá lugar unha ruta cultural entre a Ponte de Veiga e o Museo Etnográfico do Arenteiro, dirixida polo arqueólogo Jorge Lamas.
Diego Fernández destacou o amplo e variado programa cultural desta Semana Santa, no que tamén haberá tres obradoiros na biblioteca municipal os días 15, 16 e 17 de abril, e catro sesións de risoterapia nas parroquias. Dixo que atendía tanto o interese dos máis cativos como dos adultos, con actos dirixidos a dinamizar a vila e ofrecer alternativas culturais e de ocio aos visitantes e veciños.