A nevada deixa estradas locais cortadas, pobos incomunicados, accidentes de tráfico e cortes de enerxia eléctrica: Avión, Beariz e Boborás, os concellos máis afectados
A nevarada caída este venres dia 4 de Decembro provocou numerosas incidencias nas zonas de media e alta montaña en varios concellos, sendo os de Avión, Beariz e Boborás os máis afectados, e en menor medida nos concellos do Irixo, Piñor e San Cristovo de Cea. Nalgunhos puntos nas zonas máis altas de Boborás -na parroquia do Regueiro- chegaron a acumularse 8 cm. de neve, mentres que nalgunhas localidades de Avión o espesor da neve chegou ata os 12 cm.
A zona con maiores incidencias foi o concello de Avión, onde os efectivos do Grupo Supramunicipal de Emerxencias (Ambas fotos corresponden aos traballos que realizaron) tiveron que multiplicarse para deixar transitables as estradas do municipio, aínda que varias localidades quedaron incomunicadas por estrada, entre elas A Hedreira, Camposancos e Cortegazas. Dende o concello de Avión recomendan aos veciños evitar desprazamentos se non son urxentes.
No transcurso da tarde foron varias as saídas de vehículos, como os que se rexistraron na rede viaria dos concellos do Irixo e Boboras. En Beariz, na estrada N-541 un vehículo colidíu cunha máquina quitaneves, cunha persoa ferida -a conductora do vehículo- que precisou de asistencia sanitaria. Árbores e ramas caídas sobre na estradas motivaron numerosas incidencias para o tráfico, ata que foron retiradas polos equipos de emerxencias e de mantemento de estradas. Os cortes de suministro eléctrico tamén foron unha constante no transcurso da xornada, aínda que a primeira hora da noite a situación parece normalizada.