Ningún representante veciñal acude ó consello de participación cidadán, previo ó pleno dos orzamentos
O Portavoz do grupo municipal do Partido Popular no Concello do Carballiño criticou hoxe no transcurso dunha intervención nesta emisora de radio a premura coa que o grupo de goberno abordou o proceso de aprobación dos orzamentos municipais do 2010, metidos de cheo nas festas do nadal e convocando o pleno en vísperas da noitevella. Para Argimiro Marnotes as datas non son a máis apropiadas e proba delo foi o acontecido esta mañá na convocatoria do consello de participación cidadán, unha reunión á que non acudíu ningún representante veciñal. Ás once da mañá, hora fixada para esta convocatoria, preceptiva antes da celebración do pleno, tán só estaban no salón de actos da casa do concello o Alcalde Carlos Montes e a concelleira e representante do Partido Popular Anayansi Rodríguez. Ante a ausencia da representación cidadán procedeuse a levantar acta da fallida sesión. Marnotes tamén manifestou que "estou vendo cousas moi raras nos últimos dias" en alusión as ausencias dos representantes do BNG nas respectivas comisións informativas, previas a celebración do pleno da Corporación Municipal, convocado para as 13 horas deste mércores 30 de decembro, tendo a sensación "de que maís que un pacto de goberno entre PSOE e BNG, polo visto cos orzamentos, esto parece máis un rodillo do PSOE sobre o BNG", apostillou o portavoz do PP no concello carballiñés.