"No Carballiño amamos a auga", unha publicación editada polo concello na que se recollen os recursos hídricos do municipio e un manual de bos usos
O concello acaba de editar un libro sobre os bos usos da auga, coincidido co Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra mañá, martes, 5 de xuño.
A publicación, que leva por título “No Carballiño amamos a auga”, recolle os principais recursos hídricos do Carballiño, tanto das augas superficiais como das termais e míneromediñais. E, sobre todo, recolle unha serie de consellos moi útiles para aproveitar mellor este recurso.
Con textos de Llerena Perozo Porteiro e ilustracións de Francisco Muñiz, o libro amosa dun xeito sinxelo e moi práctico, en 53 páxinas, informacións e suxestións relativas á importancia da auga para a vida, que é un ben finito, e o coidado que debemos ter no seu uso.
A súa distribición realizarase nos centros educativos, comercios, establecementos hostaleiros, asociación de veciños e nos fogares. O libro foi presentado esta mañá polo alcalde, Francisco Fumega; a concelleira de Medio Ambiente, Érika Paz, e a autora dos textos, Llerena Perozo Porteiro.
Francisco Fumega resaltou a cualidade do Carballiño como terra de augas, tanto superficiais como termais, pero cun uso moi elevado de auga sobre todo durante o verán, cando se multiplica a poboación, e por iso considerou moi oportuna a publicación deste manual dirixido a concienciar sobre a sostibilidade deste recurso. Por iso, agradeceu a Llerena Perozo e á editorial Versatil o traballo que desenvolven para contribuir á sensibilización da poboación sobre esta cuestión, que é, según dixo, un dos principais problemas do século XXI.
Ao respecto, asegurou que malia a que leva chovido dabondo últimamente, hai cinco meses tiñamos declarada a alerta vermella pola Confederación Hidrográfica, e os problemas neste senso comezaron a finais de agosto pasado. De aí que non se pode baixar nunca a garda, según dixo. Érika Paz referiuse a declaración do Día Mundial do Medio Ambiente, que este ano se centra na cuestión dos plásticos, e recordou a campaña levada a cabo coa hostalería para a recollida de envases de todo tipo co obxectivo de mellorala e contribuir á súa reciclaxe.
Neste senso asegurou que ainda que queda moito por facer, seguirase avanzando na medida do posible. Precisamente, neste labor de continuar coa concienciación da poboación na preservación do medio ambiente e dos recursos naturais, é no que circunscribiu esta nova iniciativa.
Llerena Perozo agradeceu ao concello o interese pola política medioambiental e felicitou ao alcalde e á concelleira polas campañas que leva a cabo neste senso, como é o caso desta sobre o bo uso da auga. Dixo que o obxectivo da publicación era chegar ao maior número posible de familias coa intención de poder adquirir hábitos e prácticas encamiñadas ao aforro e reutilización da auga, e engadiu que o sistema hídrico está directamente vencellado co cambio climático, e que nos achegamos a un período crítico ao respecto.
Por iso, según dixo, iniciativas como esta contribúen en gran medida á loita contra o cambio climático.