O alcalde de Beariz traslada á Xunta novos proxectos de mellora en Ricovanca, unha zona ubicada na Rede Natura 2000
A Xunta de Galicia estudará posibles vías de colaboración co Concello de Beariz co obxectivo de poñer en valor e preservar unha zona do municipio coñecida como Ricovanca, localizada en Rede Natura 2000 e que alberga un conxunto arquitectónico e etnográfico de notable valor.
Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao rexedor ourensán, Manuel Prado, con quen mantivo unha reunión para falar de diversos proxectos de interese para o municipio.
En concreto, o alcalde trasladoulle que nos últimos anos o Goberno local realizou importantes investimentos en Ricovanca grazas aos que se logrou recuperar un muíño e a ponte centenaria que atravesa o río Verdugo ao seu paso pola aldea. O obxectivo municipal agora é acometer a restauración do lavadoiro, outro dos elementos destacados dun lugar que debe tamén á súa singularidade aos valores naturais e paisaxísticos da contorna na que se empraza.
A este respecto, a conselleira subliñou que o seu departamento ofrece desde hai anos axudas dirixidas a executar actuacións de mellora e conservación da biodiversidade en zonas incluídas na Rede Natura 2000 e que contribúan á mellora da paisaxe rural tradicional e dos seus elementos representativos.