O Alcalde de Boborás deixa sen fútbol á Corporación Municipal
Para que logo se diga que "o país paralízase" e outros tópico ó uso, desde logo que non será o caso do Concello de Boborás. O Alcalde, Cipriano Caamaño, convocou para este venres dia 25 de xuño ás 8,30 da tarde o pleno ordinario da Corporación Municipal de Boborás, á mesma hora na que España xoga ante Chile o transcedental partido de clasificación para a seguinte ronda do mundial de fútbol, unha coincidencia horaria coa convocatoria da sesión de pleno que causou certa sorpresa. Para Caamaño non hai motivo para que ninguén se sorprenda xa que "os plenos ordinarios están fixados desde o inicio desta lexislatura para celebrarse os derradeiros venres dos meses pares, asi que non hai motivo para cambear a convocatoria, e ademáis estou seguro que non vai faltar ningúen". Desde a oposición, o portavoz do PSOE, Alberto Otero, entende que "había maneiras para evitar a coincidencia se houbese algo de vontade por parte do Alcalde, simplemente con adiantar a hora do pleno, e non pasaba nada". Nesta sesión, a Corporación de Boborás debatirá a proposta da Alcaldia relativa á aplicación do Real Decreto Lei 8/2010 para a reducción do gasto público e no que respecta ós gastos do persoal. Ademáis, o pleno deberá aprobar os proxectos a incluir polo Concello de Boborás no Fondo de Cooperación Local para este ano, e que consistirán na mellora de aforro enerxético e ampliación da iluminación pública en varias localidades do municipio.