O alcalde de Maside pide a colaboración da Xunta para a eliminación de vertidos incontrolados e instalación dun punto limpo móbil
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará co Concello de Maside na eliminación de varios puntos de vertido incontrolado (PVI) localizados neste municipio. Así o comprometeu a conselleira Ángeles Vázquez durante a reunión que mantivo co alcalde José Manuel Iglesias para tratar diversos asuntos de interese municipal relativos a áreas da súa competencia.
Os puntos de vertido nos que se van acumulando residuos sólidos de moi distinta natureza, supoñen un risco para a saúde pública, poden ser orixe de incendios e accidentes, constitúen un importante foco de contaminación e producen un impacto paisaxístico negativo, co prexuízo que supón para a contorna desde un punto de vista ambiental e visual.
Neste sentido, Ángeles Vázquez confirmoulle ao rexedor que o mes pasado o seu departamento publicou a encomenda das obras de recuperación, restauración, adecuación e limpeza destes puntos para todo o ano 2020 e explicoulle que os traballos concretos a acometer determinaranse en función das solicitudes recibidas por parte dos concellos e da valoración técnica que faga a Xunta dos mesmos.
Tamén en materia de xestión de residuos urbanos, o alcalde de Maside trasladoulle á conselleira o seu interese en dotar ao seu municipio dun punto limpo móbil a través das axudas que ofrece a Xunta para facilitar a súa implantación. A este respecto, a conselleira confirmoulle que nas próximas semanas publicarase unha nova convocatoria de subvencións dirixida ás entidades locais para mellorar a xestión dos residuos urbanos e que incluirá unha liña específica, precisamente, para a instalación de puntos limpos móbiles.
Por outra banda, o rexedor ourensán tamén lle trasladou á conselleira os plans do Goberno municipal con relación ao edificio do vello colexio de Maside, un inmoble que nestes momentos xa se utiliza con fins culturais pero que necesita dunha obra de rehabilitación para poder destinalo de forma permanente como centro sociocultural.