O alcalde de Piñor leva cinco meses sen convocar plenos da corporación municipal
O Grupo Municipal do PP no Concello de Piñor denuncia a situación de abandono na que se atopa a xestión municipal, así como a deixadez de funcións por parte do alcalde de Piñor, o socialista Francisco José Fraga Civeira.
“En Piñor levamos máis de 5 meses sen ter plenos da corporación, non temos aprobada a conta do ano 2014 e tampouco o orzamento do ano 2015", afirma o portavoz popular, José Luis González Rodríguez. Resulta incomprensible que nun municipio e 1.200 habitantes, onde a metade do orzamento se adica ao capítulo un de gastos de persoal 406.000 € , -onde traballan 8 persoas ademais do Alcalde, do Secretario e a arquitecta municipal; en total 12 persoas para tan só 1.200 habitantes-, os veciños teñan que esperar por un simple trámite ou acudir varias veces para preguntar como está o seu expediente porque non reciben resposta algunha. Antes de que o PSOE gobernase en Piñor, con tan só dous traballadores e o alcalde, os trámites eran moito máis áxiles, lembran os populares.
"Descoñecemos a realidade da actividade e do traballo do alcalde en beneficio do Concello, non sabemos en que inviste o tempo, pero o que temos claro é que non se adica a preocuparse polo noso Concello", di o portavoz popular. "Os concelleiros do PP de Piñor estamos cansos da actitude do rexedor, leva obstaculizando dun xeito deliberado o acceso á información que solicitamos os edís da formación popular para realizar o labor de control e fiscalización da xestión municipal que temos encomendada como concelleiros.
É de vergoña allea que o noso Concello só saia nos medios de comunicación polas políticas caciquís do PSOE en Piñor, supostas contratacións irregulares, políticas de empadroamento partidistas, etcétera", sinala José Luis González.
Por último, recalcan os populares que "é lamentable o proceder do alcalde de Piñor que pon de manifesto o absoluto desprezo á democracia e á transparencia".