O alcalde de Pontevedra plantexa instar ao Goberno Central e a Xunta para que se faga un estudo para a creación da autovía O Carballiño-Pontevedra. O "Pacto de Pedre" celebrou unha nova reunión.
Os sete concellos que integran a plataforma supramunicipal nacida en torno ao Pacto de Pedre, constituído a principios de ano tralo tráxico accidente de tráfico no dia de noiteboa de 2022 e coa finalidade de esixir a mellora integral da estrada nacional N-541, veñen de incorporar á súa axenda de traballo a proposta feita polo Concello de Pontevedra de reclamar á Xunta de Galicia e ao Goberno Central o inicio dun estudo para a creación dunha autovía Pontevedra-O Carballiño, con conexión cara a comarca do Deza, “que permita unha mellor vertebración viaria do interior de Galicia”, á vez que posibilita unha alternativa eficaz á N-541.
Desta maneira, e tras esta última reunión no concello de Pontevedra, o seu alcalde Miguel Anxo Lores, logrou o beneplácito dos representantes dos sete concellos presentes, os de Cerdedo-Cotobade, Boborás, Beariz, O Irixo, Maside, Punxín, O Carballiño e agora tamén Pontevedra, unha iniciativa que tamén se presentará ante as deputaións provinciais de Ourense e Pontevedra. Tamén queren que se integre neste grupo de traballo o concello de Ourense. Os concellos demandarán aos grupos políticos do Parlamento de Galicia que apoien as iniciativas que os alcaldes están a promover para trasladar ao Goberno central a necesidade de mellorar a seguridade viaria da N-541 que, en todo caso sigue sendo a dia de hoxe a principal reivindicación.
Á reunión de Pontevedra asistiron os alcaldes de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; de Boborás, Patricia Torres; de Beariz, Manuel Prado; o concelleiro do Irixo, Juan Manuel Villanueva; o alcalde de Maside, José Manuel Iglesias; e o alcalde de Punxín, Manuel Vázquez Fernández. O alcalde de Carballiño, Francisco Fumega desculpou a súa ausencia, aínda que manifestou o seu firme compromiso a seguir apoiando esta causa.
A construción dunha autovía entre O Carballiño-Pontevedra debería ser asumida polo Goberno Central. Tería unha conexión con Lalín “alá onde se considere maís oportuno”, que sería realizada pola Xunta de Galicia, segundo o tratado nesta reunión que ven de celebrarse.