O Arenteiro Fotográfico 2025 programa 17 exposicións. A asociacion O Potiños volve converter a O Carballiño na capital galega da fotografía.

O Concello do Carballiño colabora na oitava edición do Arenteiro Fotográfico, un dos festivais de imaxe imprescindibles do panorama cultural galego. A mostra, impulsada desde a asociación fotográfica O Potiños, comeza o próximo sábado 13 de setembro e inclúe 17 exposicións colectivas e individuais. O público poderá desfrutar das exhibicións ata o 26 de outubro, día de clausura do festival.
O concelleiro de Cultura, Diego Fernández, pon en valor o papel da asociación O Potiños na súa defensa da cultura e do arte desde O Carballiño. “Co esforzo de todos e todas, o que un día comezou como un evento dun colectivo do Carballiño converteuse nun dos grandes referentes de fotografía a nivel nacional”, apuntou o edil durante a presentación desta mañá do festival.
Nesa liña, recordou o apoio constante do Concello ao Arenteiro Fotográfico, algo que o propio presidente de O Potiños, Manuel Blanco, lle agradeceu. “Este ano quedámonos sen o local no que realizábamos as exposicións, buscamos moito e Diego axudounos moito para atopar unha solución, que foi trasladarnos ao Auditorio Manuel María”, detallou o presidente.
Manuel Blanco detallou a programación do festival, que este ano inclúe unha cita moi especial: a masterclass do fotoxornalista Gervasio Sánchez, recoñecido a nivel mundial e gañador, entre outros galardóns, do Premio Nacional de Fotografía en 2008. As súas fotografías da guerra dos Balcáns, da realidade de países en conflito en América Latina, África ou Asia forman parte do imaxinario colectivo.
O fotoxornalista impartirá a clase o 11 de outubro ás 17,00 horas, na Casa da Cultura. “Ía vir o ano da pandemia e non foi posible, pero conseguimos que viñese este año, creo que vai ser un punto cenital do Arenteiro Fotográfico esta masterclass”, explicou Blanco. O acceso é libre ata completar aforo, polo que O Potiños abrirá un listado de inscrición nas próximas semanas para aquelas persoas interesadas.
O día 13, na inauguración da mostra, levarase a cabo a entrega de premios do Concurso Libre 2025, no que participaron preto de 200 fotografías de toda España, o que dá conta da proxección nacional crecente do Arenteiro Fotográfico. O primeiro premio é para Luis María Barrio, o segundo para Javier Arcenillas, e o terceiro para Mario Matías Pereda. “O fallo do xurado xa o dimos a coñecer, pero agora faremos o acto de entrega e, ademais, as fotografías estarán expostas para que o público as vexa”, avanzou Blanco.
Ao acto de presentación tamén acudiron Rosendo Fernández, deputado de Representación Institucional, e Noelia Mares, xerente do Carballiño CCA. Ambas entidades tamén colaboran nesta oitava edición do Arenteiro Fotográfico.
O concelleiro de Cultura aproveitou a ocasión para lanzar unha invitación aberta á toda a poboación: “Convidamos á veciñanza do resto da provincia e de Galicia a que veña ao Carballiño a desfrutar da fotografía e da nosa vila”.