O auditorio do Carballiño acolle este sábado dia 20 o Nadal Coral, no que participan once agrupacións polifónicas da comarca

O Auditorio Manuel María do Carballiño será escenario este sábado, 20 de decembro, ás 20.00 horas, da primeira das actuacións do III Nadal Coral, unha cita musical xa consolidada no calendario cultural do Nadal na comarca. O festival, de entrada libre ata completar aforo, foi presentado esta mañá nunha rolda de prensa coa participación do concelleiro de Cultura, Diego Fernández, do director do Orfeón e das corais infantís do Carballiño, Christian Casas, e da directora do Coro Cantiga e a Cral Gaudeamus, Cristina Rodríguez.
Na súa intervención, Diego Fernández subliñou o intenso momento cultural que está a vivir o Carballiño nas últimas semanas e destacou a especial relevancia do canto coral na vila. “Levamos uns días de moita actividade cultural, cun auditorio cheo case a diario con espectáculos de maxia, teatro e música…, e se hai algo que no Carballiño é importantísimo, é o canto coral”, afirmou.
O concelleiro puxo en valor o carácter formativo do Nadal Coral e a súa aposta polo futuro da música coral. “É unha actividade que se enfoca claramente na canteira, nos rapaces e rapazas que están ensaiando, dedicando tempo e esforzo, e que tamén queren amosar todo o aprendido”, sinalou, agradecendo expresamente o traballo dos organizadores. “Para nós é un orgullo contar con xente como Christian e Cristina, que fan posible que a canteira xogue o seu partido”.
Fernández definiu o Carballiño como “un referente no interior de Galicia” no ámbito coral e animou á veciñanza a asistir ao concerto. “Queremos convidar a toda a xente a que se achegue ao auditorio este sábado, ás oito da tarde, e que desfrute dunha xornada única, ademais cun festival que xa vai pola súa terceira edición e ao que desexamos unha longa traxectoria”, indicou.
Pola súa banda, Christian Casas amosou a súa satisfacción por dar continuidade a un proxecto que “xa vai collendo peso e traxectoria”. “Para nós é unha alegría poder organizar novamente este Nadal Coral, un festival que busca fomentar o canto coral entre os mozos e mozas, non só do municipio, senón tamén da comarca e da provincia”, explicou.
O director incidiu na importancia de achegar a música coral aos centros educativos. “Non se trata só de dar clases ou tocar, senón de fomentar este tipo de actividades. Ir aos colexios, implicar aos mestres e ás directivas, e que os rapaces teñan contacto directo co canto coral é fundamental”, afirmou, agradecendo a colaboración dos centros participantes.
Casas detallou que o concerto do Carballiño será a primeira das dúas funcións do festival, que terá continuidade o luns en Ourense. “A nosa sede cultural é o Auditorio Manuel María, e alí comezamos este sábado. Logo repetiremos na igrexa de Santa Eufemia de Ourense”, indicou.
En canto ao contido artístico, explicou que o Nadal Coral contará cunha ampla participación de formacións corais da contorna e cun importante acompañamento instrumental. “Haberá cantos de Nadal, pero tamén variedade musical, bandas sonoras de cine, e unha posta en escena coidada, con iluminación e diferentes efectos. Tentamos beber doutras vertentes sonoras e visuais para ofrecer algo atractivo a todo o público”, sinalou.
Na súa intervención, Cristina Rodríguez quixo destacar o enorme esforzo organizativo que supón un festival destas características. “Aquí participan arredor de 130 persoas entre músicos e cantantes, e organizar algo así é moi complexo. Por iso quero agradecer especialmente o traballo de Christian”, afirmou.
A directora puxo o acento no carácter interxeracional do Nadal Coral. “É un festival no que participan rapaces, mozos e persoas adultas. Gústame moito esa imaxe de nenos cantando xunto a persoas maiores, porque todos poden aprender de todos”, explicou, reivindicando o valor social da música coral.
Cristina Rodríguez tamén defendeu os múltiples beneficios do canto. “Cantar ten que formar parte da vida das persoas. Todo o mundo pode cantar, non hai que ter unha gran voz. Cantar mellora a saúde, o benestar mental e tamén a formación dos rapaces, porque se aprenden valores como o respecto, a convivencia, o esforzo e o traballo en equipo”, sinalou.
Finalmente, agradeceu o apoio das institucións e entidades colaboradoras e convidou ao público a asistir á cita. “O Nadal é un tempo especialmente entrañable para este tipo de festivais. Temos moitísima ilusión e agardamos que sexan dúas xornadas moi especiais”, concluíu.
O III Nadal Coral confirma así o seu papel como espazo de encontro musical, educativo e social, coa actuación do Carballiño como punto de partida dun festival que celebra o Nadal a través das voces e da música compartida.