O barrio de Flores acolle esta fin de semana a XXI Feira-Festa da Pepa Loba
O barrio histórico de Flores prepárase para acoller un ano más a Feira Festa de Artesanía Pepa Loba, que acada a XXI edición e que estará dedicada aos oficios tradicionais dos forneiros e panadeiros.
Precisamente, neste barrio ainda hai un forno activo, e houbo un tempo no que había dous, o da Portuguesa e o do Guisante, pero os fornos máis vellos estaban en Señorín, e ata alí ían a cocer as panadeiras, que volvían cos cestos cheos de pan á cabeza.
A referencia a estes oficios foi comentada hoxe por Rosa Núñez durante a presentación deste evento, que se organiza para poñer en valor o pasado histórico deste barrio.
Ao acto tamén asistiron o alcalde Francisco Fumega, e os concelleiros de Cultura e Turismo, Diego Fernández e José Manuel Dacal, así como diversos integrantes da asociación que promove esta feira.
Francisco Fumega agradeceu o labor da xente que fai posible a recuperación da historia da vila, e puxo de relevo a consolidación da Feira como un referente cultural nas festas patronais.
A Feira Pepa Loba desenvolverase do venres, 9 ao domingo 11 de setembro, cun amplo programa de actividades e animación de rúa e concertos.
Haberá 54 postos de venta de produtos artesáns repartidos polas rúas do barrio, e 12 representacións de oficios artesáns en vivo, como ferreiros, zoqueiros e cereiros, entre outros. Estas demostracións terán lugar na Eira de Flores, onde tamén se celebrarán os concertos e o acto de apertura.
Do mesmo xeito que en anteriores edicións, un dos eventos máis vistosos e chamativos da feira será o desfile de Pepa Loba, no que tamén se escenificará á escritoria Emilia Pardo Bazán e ao seu marido José Quiroga, que terá lugar na tarde do sábado recorrendo a Rúa do Paseo, Praza Maior e o barrio de Flores, ata a Eira.
A apertura será o venres, 9, as 20,30 h., na Eira, a cargo do historiador e presidente do Centro de Estudios Chamoso Lamas, Xosé Luis Sobrado, que falará dos forneiros e panadeiros. As Pandereteiras de Mandrás porán a animación musical. E pola noite haberá queimada e entrega da auga máxica de Flores. Apertura de postos de venda e artesanía en vivo.
O sábado 10, a partir das 12,00 h., apertura dos postos de venda, obradoiros e demostracións artesanáis. Animación musical a cargo do grupo Os Tres Galeguiños, e cantares de cegos, con Andrés Fernández. Ás 17,00 h., Campeonato de Brisca das mulleres de Flores. Ás 19,30 h., comezo do recorrido de Pepa Loba e paseo en carro da Pardo Bazán e Jose Quiroga, coa colaboración de Tiruleque e Saro, dende a Praza dos Liborianos, Rúa do Paseo, Praza Maior, Baixada a Flores e Eira de Flores. Ao remate, ás 21,00 h., concerto do dúo BLUES DO PAÍS, na Eira. Ás doce da noite, concerto de ANDASOA, tamén na Eira.
O domingo 11, ás 12,00 h., concurso de Chave na Eira, e apertura dos postos de venda e artesanía. Ás 14,00 h., XANTAR e pola tarde troula, animación de rúa e demostracións de artesanía en vivo.