O BNG chama á veciñanza do Carballiño e Comarca a apostar polo comercio de proximidade e os productos galegos
"Mellor local, mellor galego" este é o lema co que o BNG do carballiño, arrinca a campaña de apoio ao comercio local e aos produtos galegos e de proximidade. A concelleira Sofía García e o deputado no Pazo do Hórreo Iago Tabarés, deron conta esta mañá en rolda de prensa dos motivos que impulsan ao BNG a levar adiante esta iniciativa, ao tempo que piden a implicación de toda a veciñanza na mesma. Segundo Sofía García "con esta campaña queremos contribuir a paliar o feche de tendas e a destrución de postos de traballo como consecuencia da crise económica xerada pola COVID-19". García incidiu en que un dos obxectivos da campaña é "destacar a potencialidade e calidade dos produtos galegos como motor para a dinamización do pequeno comercio, comercio local que aposta pola calidade, pola innovación e pola especialización".
"O comercio local ofrece calidade, trato personalizado, produtos coidados e diferentes e vendidos por persoas as que coñecemos e tratamos ao ser parte das nosas vilas". Con esta afirmación, a concelleira Sofía García marca outro dos obxectivos fundamentais da campaña xa que "ese valor engadido só nolo da o comercio local". Outro dos aspectos fundamentais é o feito de que o comercio local e de proximidade é xerador de postos de traballo e polo tanto de dinamización social e económica nas nosas cidades e vilas. Sofía incidía en que coa campaña presentada, o BNG "quere aportar o seu grao de area para dinamizar a nosa vila e potenciar os produtos que xeran riqueza no noso país". "animamos a veciñanza a aproveitar estas datas para implicarse co noso comercio, coas nosas feiras e cos nosos produtos". Por último, García advertiu de que "debemos impedir que a nosa vila se convirta nun deserto".
En termos similares se manifestou o deputado por Ourense no Parlamento galego Iago Tabarés quen iniciou a súa intervención lembrando que desde o BNG "sempre se apostou polo comercio local, entendendo q ue é esencial na nosa vida económica e social, contribuíndo mesmo a dinamización das nosas vilas e cidades". Tabarés quixo afondar no feito de que "non todo é imputable á pandemia, posto que xa antes da mesma, o comercio local atopábase nunha situación moi difícil". Para Iago Tabarés temos que ter en conta a importancia que o comercio local ten en Galiza ao supor o 14% do PIB e o 13% do emprego". Tanto económica como socialmente é un sector "moi importante".
O deputado afondou durante a súa comparecencia no feito de que "nestas circunstancias, onde grandes plataformas, as cales, en moitas ocasións nin tan sequera tributan aquí, están comendo parte do mercado do comercio de proximidade, é o momento de apoiar decididamente ao comercio local". Os motivos esgrimidos por Tabarés para apostar polo comercio local resúmense en que primeiro "porque é mellor, ao oferecer produtos dunha altísima calidade". Segundo "por ser unha economía e un xeito de producir moito máis sustentábel e respectuoso co medio ambiente". En terceiro lugar porque "estes produtores e comerciantes revirten os seus ingresos na propia terra, e tributan na propia terra".
Por último, Tabarés apuntou que é preciso "humanizar e socializar as nosas vilas e as nosas cidades, o que da cor as nosas rúas son precisamente os pequenos comerciantes". De entre as medidas que hai que adoptar urxentemente, Iago Tabarés destacou en primeiro lugar, as axudas directas de carácter económico ao sector, en segundo lugar, declarar Galiza zona saturada de grandes superficies cunha regulación dos horarios comerciais que permita oa pequeno comercio competir en igualdade de condicións e poder conciliar a vida laboral e familiar. En terceiro lugar, o establecemento dunha marca de calidade para os produtos de horta galegos, "témolos e son de gran calidade, potenciémolos e diferenciémolos como produto galego". Por último, Iago Tabarés aposta por levar a cabo campañas de promoción e valorización das prazas de abastos, dos mercados tradicionais, das feiras e do comercio de proximidade". Por todas estas razóns desde o BNG lanzan a campaña de apoio ao comercio local e de proximidade polo que distribuirán cartelería para incentivar ao consumo nestes establecementos.