O BNG de Cea solicita un pleno extraordinario para aclarar o sistema de contratación de persoal do obradoiro de emprego "Vía da Prata"
Segundo denuncia o BNG no Concello de San Cristovo de Cea, as bases de selección de persoal para formar parte do Obradoiro de Emprego “Via da Prata” posto en marcha pola Xunta de Galiza, e o cal inclúe ao s concellos de Piñor, Vilamarín e San Cristovo de Cea, adolecen de pouca obxectividade.
Para o Portavoz nacionalista Manuel Pérez, "existe un flagrante déficit de información sobre a forma de tramitación e resolución do mesmo, xa que se resolve directamente pola alcadía e totalmente de costas á corporación municipal".
O BNG de Cea cuestiona tamén que na tramitación deste Obradorio "se concedan demasiados puntos na entrevista persoal, sendo este un baremo absolutamente subxetivo, que desequilibra o proceso de selección mermando a importancia relativa da parte obxectiva, baseada no currículo, situación persoal e demais méritos dos candidatos".
Para os nacionalistas este proceder, "responde á clara intención por parte do PP de contratar a persoas afíns, facendo uso partidista dos recursos públicos e discriminando á veciñanza en base as súas afinidades políticas".
Debido ao exposto con anterioridade, desde o BNG de Cea veñen de solicitar a convocatoria dun pleno extraordinario no que se aporte toda a Información sobre o Obradoiro dual de Emprego “Vía da Prata” da Xunta de Galiza e promovido polos concellos de Piñor, Vilamarín e San Cristovo de Cea.