O BNG demanda da Xunta a documentación relativa ao proxecto mineiro de litio que afecta a montes de Avión e Beariz
O BNG vén de presentar unha serie de iniciativas en forma de preguntas e demanda de documentación en relación coa primeira fase do proxecto mineiro Alberta I, que lle afecta aos concellos de Beariz, A Lama, Forcarei e Cerdedo-Cotobade, xa que non hai ningunha confirmación oficial da nova publicado nos medios de comunicación dunha suposta denegación do permiso á empresa promotora.
Nestas referencias xornalísticas faise referencia a que o motivo da denegación foi o informe contrario da confederación hidrográfica Miño-Sil, cando este informe é de novembro de 2019, ou sexa, de hai un ano. “Este feito fainos sospeitar que este non é o motivo real da suspensión, senón que esta tería que ver coas advertencias de irregularidades no procedemento pola falta de trámite de avaliación de impacto ambiental e tamén pola fragmentación do proxecto en outros máis pequenos para evitar as garantías e os controis ambientais, así como, e sobre todo, pola amenaza de xudicialización do proceso e as posíbeis responsabilidades penais dos funcionarios que avalaron esta tramitación”, afirmou Luís Bará.
O deputado nacionalista cre que este é o verdadeiro motivo polo que a Xunta lle deu carpetazo e vai abrir de novo o procedimento. Por este motivo, o BNG fixo unha petición de toda a documentación e do estado de tramitación do proxecto, e ao mesmo tempo rexistrou unha serie de preguntas nas que se inciden en:
• O estado de tramitación do proxecto.
• As causas da súa denegación.
• Saber se hai algunha nova tramitación do proxecto por parte da empresa para empezar desde cero.
• Saber que outras solicitudes de proxectos de explotación mineira se están tramitando neste ámbito, xa que o BNG ten coñecemento que hai outros proxectos que lle afectan ás comarcas de O Carballiño, O Ribeiro, de Terra de Montes e do Suído As persoas e colectivos que presentaron alegacións non recibiron a día de hoxe ningunha confirmación da suposta denegación do permiso ao Proxecto Alberta I.
O BNG esixe que haxa transparencia, que a Xunta de Galiza dea unha información fiel e rigurosa sobre este tema, que informe á veciñanza e que non oculte máis a tramitación deste proxecto que ten moitas zonas de sombra.