O BNG demanda un Plan de Mobilidade Urbana Sostibel para O Carballiño. A concelleira Sofía García considera que debería ser prioritario "porque camiñar por algunhas rúas é misión imposible"
Sofía García, voceira do Grupo Municipal do BNG do Carballiño, ven de rexistrar unha iniciativa no concello para impulsar de inmediato un Plan de Mobilidade Urbana Sostibel (PMUS), que inclúa entre outras cuestións e como mínimo as seguintes medidas urxentes: mellorar a mobilidade peatonal e a seguridade vial.
Resulta moi imporante a instalación de sistemas de iluminación ou sinalización específicos que resalten a presencia dos pasos de peóns e dos propios viandantes, declara a voceira nacionalista do Carballiño, así como mellorar a sinalización horizontal e vertical pondo especial interese na súa revisión e o seu bo estado. Sofía García analizaba que actualmente temos unha vila que está pensada para os vehículos, na que a dependencia do automóbil ocasiona un tráfico intensoen todas as rúas do Carballiño.
A isto hai que engadir, di García, que camiñar por algunhas rúas resulta imposible, pola combinación de beirarrúas estreitas nas que se sitúan farois, sinais e mobiliario urbano, así como diversas barreiras arquitectónicas que dificultan a mobilidade da veciñanza con unha mobilidade reducida, que mesmo en ocasións se ve obrigada a invadir a calzada poñendo en risco a súa seguridade. Tampouco debemos esquecer as sinalizacións mal conservadas, os problemas na ordenación do tráfico, ou iluminacións insuficientes que agravan aínda máis a problemática da mobilidade na vila.
Toda a veciñanza é nalgún momento un peón, os usuarios da vía pública máis vulnerables ao tráfico.Polo tanto, debe ser preocupación das institucións públicas municipais situar no centro da planificación ás persoas, priorizando a redución do transporte individual en beneficio dos sistemas colectivos e doutros modos non motorizados de transporte e desenvolvendo aqueles que sexan compatibles co crecemento económico, a cohesión social, a seguridade viaria e a defensa do ambiente, manifesta a concelleira nacionalista.
Todas estas medidas a implementar nun Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) veñen a dar continuidade a varias iniciativas que o BNG xa levou ao pleno do Carballiño neste mandato para mellorar a seguridade vial e a mobilidade peatonal e solucionar un problema que cada día medra máis e ao que o goberno municipal non pon solución.