O BNG demandará un Plan Municipal de Conciliación que inclúa servizo de comedor e atención polas tardes
A voceira do BNG do Carballiño, Sofía García, trasladará ao pleno "as reiteradas queixas das familias carballiñesas polas eivas nas medidas de conciliación da vida familiar e laboral que oferta o concello". Para elo, a concelleira presentará ante a corporación unha moción na que volve insistir, igual que unhas semanas atrás, nesta demanda.
Dende o grupo nacionalista afirman que "comezou o curso académico 2021/2022 e non sabemos que alternativas de conciliación ofrecerá o concello do Carballiño. Levamos agardando dende o 2019 a que se defina con claridade e se informe como se vai configurar o SERVIZO DE CONCILIACIÓN DA VIDA FAMILIAR E LABORAL e que tipo de xornadas se van a prestar".
Lamentan que "nestes momentos o contrato do servizo de conciliación atópase prorrogado e hai unha ausencia total de información por parte do equipo de goberno a respecto das condicións futuras do servizo".
Para ter un amplo servizo de conciliación o BNG entende que deberíase prestar especial atención tamén ás distintas actividades extraescolares, toda vez que "as familias precisan compatibilizar a vida laboral coa educativa e non poden quedar sen unha ampla oferta de actividades que lle dean continuidade á xornada escolar".
O BNG demandará un Plan Municipal de Conciliación da vida laboral, persoal e familiar que inclúa, entre outros, un servizo de conciliación de mañá e de tarde con comedor ao mediodía e un amplo programa anual de actividades para todas as idades.