O BNG insta ao goberno do concello que demande do Estado a apertura no Carballiño dun Centro de Atención e Información da Seguridade Social (CAISS). Ofrecería servizo á toda a comarca.

25, Setembro 2023

Sofía García, a voceira do BNG do Carballiño ven de trasladar ao concello do Carballiño unha iniciativa para demandar un Centro de Atención e Información da Seguridade Social na vila.

A voceira nacionalista do Carballiño sinalou que a vilae a propia comarca están sendo sometidas a un trato discriminatorio en relación ás outras cabeceiras de comarca da contorna, xa que existen CAISS en Ourense, Ribadavia, Verín e o Barco porén non no Carballiño.

Dada a importancia que ten para o BNG este servizo, remarcou García, xa non é a primeira vez que se expón tanto no concello do Carballiño, onde chegou a ser aprobada por unanimidade, como no Congreso dos Deputados.

Os CAISS xestionan un amplo conxunto de prestacións económicas, a maioría das cales derivan dos dereitos que nacen da cotización dos traballadores ao sistema da Seguridade Social. Ademais das pensións de xubilación contributivas, xestiónanse prestacións por morte e supervivencia (viudedade, orfandade, auxilio por defunción, pensións e subsidios en favor de familiares…etc), incapacidade temporal e permanente, así como prestacións relacionadas coa maternidade(maternidade, paternidade, riscos durante o embarazo e riscos durante a lactancia. Ademaisxestiónanse dereitos non relacionados directamente coa cotización ao sistema. Podemos destacar, entre outras, as prestacións familiares da SeguridadeSocial, prestacións basadas na súa maioría en límite de ingresos, como son as prestacións por fillos/as a cargo, prestacións por nacemento e adopción do terceiro/a fillo/a, as prestacións para familias numerosas, monoparentais ou por parto múltiple. Tamén os CAISS desenvolven competencias relacionadas co recoñecemento da asistencia sanitaria no ámbito internacional a través da xestióndas Tarxetas Sanitarias Europeas.

Ante a relevante función que exercen os CAISS e ser o Carballiño a única cabeza de comarca que carece del, desde o BNG consideramos imprescindible insistir nesta cuestión e esiximos ao gobernomunicipal que se “dirixa ao Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións para que se instale un CAISS na nosa vila.”