O BNG presenta mocións en todos os concellos afectados polo proxecto mineiro de litio Alberta I, facendo constar "diversas irregularidades na tramitación por parte da Xunta"
O deputado provincial do BNG Bernardo Varela e a concelleira carballiñesa desta mesma formación política, Sofia García, mostraron a súa disconformide coa tramitación deste proxecto mineiro, polas "irregularidades manifestas que se veñen detectando na tramitación, como a omisión do procedemento de avaliación de impacto ambiental". Un trámite que os promotores do proxecto evitarían porque "o proxecto está fragmentado de maneira fraudulenta, tal como no seu dia xa denunciou o Sindicato Labrego Galego".
A empresa promotora da explotación mineira pretende poñer en marcha un proxecto que podería albergar unha das maiores reservas de coltán e litio de toda Europa. Trátase de minerais considerados claves para a industria tecnolóxia e do sector do autómobil eléctrico.
A zona na que se ubica abrangue a varias parroquias do concellos de Avión, Beariz, Forcarei, Cerdedo-Cotobade e A Lama, e a superficie afectada podería rebasar as 1.600 hectáreas. Nas alegacións presentadas por diversas asociacións, ás que fixeron referencia dende o BNG, ademáis de non contar coa avaliación de impacto ambiental ordinaria, apuntan que o proxecto pon en perigo a vida da poboación local e a riqueza forestal, gandeira e natural da zona afectada, entre as serras do Candán e O Suido.
O BNG anuncia que presentará mocións sobre este asunto nos concellos directamente afectados e nos do Carballiño e Ribadavia, na súa condición de cabeceira de comarca, nas que se pide o apoio institucional para esixir os informes precepticos para garantir o cumprimento da lexislación sectorial, e mesmo "a apertura dun proceso de diálogo cos colectivos que se opoñen á explotación mineira, en base aos riscos ambientais e para a saúde derivados deste tipo de actividade extractivas".