O BNG reclama un plan de desenvolvemento sostible para o parque municipal e lamenta "o abandono por parte do goberno do concello"
O Bloque Nacionalista Galego denuncia "ante a cidadanía o estado de abandono que está a sufrir o Parque Municipal do Carballiño. Dende hai tempo a algunhas das forzas políticas de este concello e en especial ao grupo de goberno enchéuselles a boca de declaracións grandilocuentes e de anuncios de proxectos que nunca chegaron a materializarse sobre o desenvolvemento da foresta e o entorno do Parque Municipal do Carballiño. Nada máis lonxe da realidade, a día de hoxe pódese comprobar a falla de conservación e mantemento e o abandono total e desinterese por parte do goberno municipal ao respecto".
Poñen de manifesto que "ao grave proceso de erosión e perda de solo , engádeselle actualmente a caída de arbores, con serio perigo para os cidadáns, e a falla de toma de medidas, non sendo o precintado cintas da policía local. O solo é un ecosistema que está a ser moi degradado na maioría dos casos por acción antropoxénica".
O BNG lamenta a acumulación de refugallos vexetais e así van ficando durante días, correndo o risco de plantar neles o lume, mnetres que nas marxes e no leito do Arenteiro acontece máis do mesmo: caídas de arbores e arbustos e abandono.
Engade a formación nacionalista que "de pouco ou nada vale lavarlle a cara cando hai grandes “eventos” (festa do polbo ou mesmo celebracións privadas), cando agroma a primavera, na antesala do verán ou na semana santa para recibir turistas, como está a acontecer nestes días. A limpeza e mantemento non pode ser algo eventual, debe ser unha tarefa regular durante todo o ano".
Pregúntase o BNG se "as veciñas e veciños do Carballiño non temos dereito a gozar do entorno" e propoñen que cando menos sería necesario tomar unha serie de medidas e accións inmediatas desde un proxecto de desenvolvemento sostible "e deixarse de palabras e declaracións de prensa prometendo o que nunca se cumpriu.
É urxente e moi importante unha acción sobre o parque e o seu entorno, elaborando un estudo da erosividade e erosionabilidade, establecendo medidas de recuperación das zonas afectadas, con entresaca de árbores e repoboacións axeitadas, tomando medidas para a recuperación do solo e levando a cabo a limpeza e aproveitamento do rio".
Finalmente, considera o BNG que "é necesario poñer en valor o entorno elaborando programas de ámbito cultural, educativo e didáctico, creando de espazos de ocio e zonas de lecer para os cativos, deseñando programas de visita e itinerarios botánicos guiados, así como percursos de saúde".