O BNG reparte culpas entre socialistas e populares polo retraso na apertura do Balneario de Berán
Ningunha empresa optou a facerse coa concesión da explotación do novo balneario de Berán, ningunha oferta se presentou ó concurso público convocado pola Entidade Local Menor de Berán e a incertidume sobre o futuro destas instalacións balnearias non parece ter fin. Mentres nos últimos dias, o Presidente da Entidade José luis Rodríguez, e o vocal socialista Tomás Lorenzo culpábanse mutuamente do retraso na apertura do balneario, agora, a esta polémica, súmase o Bloque Nacionalista Galego, que reparte as culpas entre socialistas e populares. Luis Pérez "Ficol" denuncia "publicamente o bloqueo deste proxecto pola actitude intransixente e obstruccionista do vocal do PSOE, respaldado pola dirección provincial deste partido", e tamén fai responsable desta situación ó Presidente da Entidade Local Menor de Berán "pola actitude pasiva levada a cabo desde fai 2 anos, sen sacar nada de proveito para os veciños e veciñas de Berán". O portavoz nacionalista na Corporación Municipal de Leiro, recorda como "fai 2 anos había varias empresas moi interesadas no balneario, algunha delas contemplaba unha inversión superior ós 5 millóns de euros, e a creación de 40 postos de traballo, e agora nada de nada, en plena crise económica". Ficol considera ó vocal socialista como culpable "por non haber ningunha empresa interesada en poñer en funcionamento ditas instalacións, que foron construídas con cartos púlblicos". Por eso, considera o concelleiro do Bloque, "é o momento de esixir responsabilidades polo mal funcionamento da Entidade , pola mala xestión levada a cabo, e por deixar tan mal ó pobo de Berán e ó Concello de Leiro"