O Bono Concilia Familia da Xunta increméntase para este ano 2025 un 37% máis que na convocatoria anterior

2, Xaneiro 2025

A Xunta de Galicia amplía o crédito do Bono Concilia Familia para chegar neste 2024 a 14.800 familias, un 37% máis respecto das beneficiadas na convocatoria anterior e 1.300 máis sobre as previsións iniciais fixadas para este exercicio. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado 31 de decembro un aumento do orzamento destinado a este programa en 128.300 euros para acadar un montante total de preto de 2,8 millóns de euros, que é a maior dotación económica asignada ao Bono Concilia Familia desde a súa posta en marcha.

O obxectivo destas axudas é facilitar a conciliación ás familias con nenos de ata 13 anos nas que os dous proxenitores traballan ou un único proxenitor no caso das familias monoparentais. Están pensadas para que as nais e pais poidan atender as súas necesidades de conciliación de carácter puntual, por exemplo: por enfermidade, cuestións laborais ou en períodos das vacacións escolares.

A Administración autonómica xa resolveu unha parte das solicitudes de axudas presentadas, cuxo prazo para facelo rematou a mediados do pasado mes de outubro. As contías que están a recibir as familias poden ser de 500 euros para a contratación dunha persoa empregada do fogar ou servizos de atención á infancia a domicilio; ou de 200 euros por cada neno para o pago de campamentos ou doutros recursos de conciliación, como ludotecas ou espazos infantís. Polo tanto, unha familia con tres fillos pode chegar a percibir unha axuda de ata 600 euros.

O Bono Concilia Familia forma parte das medidas de apoio ás nais e pais que ten en marcha a Xunta de Galicia, tales como: a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos, as casas niño e as casas do maior ou a tarxeta Benvida.