O Carballiño acolle a celebración da Gala de Turismo e a Gastronomia de Galicia
O Auditorio do Carballiño acollerá este martes 20 de marzo (17,45 h.) a Gala do Turismo e a Gastronomía de Galicia, cuxa convocatoria recupera HOSTALERIA Galega GASTRONOMÍA&TURISMO, a revista especializada hexemónica na Eurorrexión, xunto coa proclamación dos PREMIOS HGg& T, despois dun quinquenio no que, dada a situación de crise económica nas empresas, desacelerou celebracións e gasto.
No acto de presentación deste evento na casa do concello estiveron presentes os responsables da revista organizadora desta gala, Maria Campos e Guillermo Campos, asi como o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, que exerceu de anfitrión e agradeceu aos promotores que elexiran O Carballiño para celebrar esta actividade que reunirá a unhas trescentas persoas.
HGg& T foi fundada en 1995 polo divulgador e xornalista especializado Guillermo Campos, mantendo a súa edición ininterrompida ao longo deste cuarto de século no que propiciou innovadores eventos promocionais das profesións hostaleiras (cociñeiros, sumilleres, maitres, entre outras) e o turismo de proximidade, especialmente..
A Gala, que desde a súa inicial edición en 1999 converteuse na primeira cita intersectorial de Galicia cunha asistencia media próxima aos setecentos participantes profesionais, centrarase nesta continuación, nunha escenificación e recoñecemento, precisamente, aos produtos e as súas empresas e entes sectoriais representativos, que acertaron a aguantar a crise sen menoscabo da excelencia nas súas elaboracións.
O baremo desta calidade sostida outórgano os podios resultantes das Catas Transfronteirizas e demais comparativas que a propia revista foi convocando ao longo do quinquenio 2013- 2017 (período sen convocatoria entre galas, e por tanto sen proclamación de distincións) sobre os mellores produtos de mercado e en cada momento, tanto no sector dos viños, como das conservas, os queixos, os aceites, os destilados, as chacinas, os cafés, as cervexas, entre outros, tanto comercializados en Galicia como no resto da península ibérica. Tamén se contemplaron destinos de interese para o viaxeiro.
Máis de trescentas marcas IBÉRICAS obtiveron puntuacións equivalentes ao ouro, prata e bronce, ou o que é o mesmo, máis de trescentas etiquetas mereceron as mellores cualificacións dos paneis de cata ao longo das sucesivas convocatorias, un exame brillantemente superado sobre uns mil produtos analizados organolépticamente.
A Gala do Turismo e a Gastronomía de Galicia será, de novo, o gran e maior punto de encontro intersectorial entre os subsectores que ofrecen e demandan os produtos de consumo e negocio, principalmente no sector hostaleiro e distribuidor. Unha porcentaxe representativa deses produtos constituirán a degustación que seguirá á cerimonia de entrega de certificacións dos premios outorgados polos paneis das Catas HGg& T, para cuxa solvencia técnica, a revista conta coa colaboración das asociacións de catadoras, enólogos, as universidades e outros expertos.