O Carballiño acolle do venres ao domingo a "Copa Galega de grupos Show" de patinaxe artística
"Agradecemos ó Comite de Patinaxe Artística da Federación Galega de Patinaxe por apostar por sacar á periferia dos grandes feudos da patinaxe en Galicia", indicou no acto de presentación da Copa Galega de grupos show Uxío Álvarez, o presidente do Club Aehde O Carbaliño.
O Concello do Carballiño foi o escenario da presentación da Copa Galega de grupos show de 1ª e 2ª categoría que se celebrará de venres a domingo no pavillón Paco Chao con preto dun milleiro de patinadores, 33 clubes de toda Galicia y 60 coreografías diferentes.
"Seguimos a estela do noso traballo durante estes anos e somos quen de organizar un evento a nivel autonómico, a base de sementar conseguimos poñer a O Carballiño no mapa da patinaxe", indicou Uxío Álvarez, presidente do Club Aehde, no acto de presentación do evento
O presidente do club, que estivo acompañado de varias patinadoras do equipo de show, destacou que para a entidade é todo un reto organizativo que pon a proba a súa capacidade.
Silvia Baranda, a concelleira de deportes, pola súa banda, salientou que "o Club Aehde está facendo un gran traballo polo deporte, neste caso feminino o 95%, coñezo dende dentro o seu labor e quero darlle públicamente as grazas. É moito traballo a cambio de nada todos os días".
O evento arrancará mañá venres cos grupos show júnior e os cuartetos, seguirá o sábado cos grupos pequenos de show de Segunda categoría e rematará o domingo cos grupos grandes de segunda e cos grandes e pequenos de Primeira. Será a porta pechada e poderase seguir por streaming na canle de Youtube do Club Aehde O Carballiño. Os adestramentos oficiais serán polas mañáns e a competición polas tardes.
A entidade organizadora, tamén aproveitou para darlle as grazas ó Concello do Carballiño, e en especial a concelleira, pola súa colaboración, e tamén os patrocinadores e restaurantes da vila que prepararon menús especiais para os clubs participantes, reservando tamén aforo para eles. Ademáis de fomentar e dar visibilidade a unha modalidade tan vistosa dentro da patinaxe artística, a Copa Galega tamén quere actuar de axente dinamizador no Carballiño.
No eido deportivo, o Club Aehde competirá o sábado na Copa galega de Segunda categoría de grupos pequenos co aval do terceiro posto no Trofeo Salvaterra Milenaria e ca esperanza de facer un bo papel, pero sobre todo de disfrutar do momento como anfitrións.