O Carballiño acollerá durante os meses de outubro e novembro a "Mostra de Teatro Amador" organizada por Tiruleque
O Carballiño acollerá en outubro e novembro a XV edición da Mostra de Teatro Amador Terras de Orcellón, organizada polo grupo de teatro Tiruleque co patrocinio da Deputación de Ourense e o Concello do Carballiño. “Esta é unha mostra de referencia do teatro amador e que resalta os fortes vínculos existentes entre Carballiño e o teatro”, destacou o vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, nunha presentación na que estivo acompañado polo alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, a directiva de Tiruleque Lidya Giselle Almonte e a actriz Mari Fernández.
Na súa intervención, César Fernández enmarcou o apoio da Deputación a esta cita dentro do papel que “deben asumir as administracións públicas de impulso á cultura” e aplaudiu o traballo de Tiruleque levando a cabo unha mostra que ten “unha vertente social, pois co seu carácter amador permite implicar a persoas alleas ao teatro profesional”.
O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, agradeceu o apoio da Deputación e recoñeceu a labor de Tiruleque “coa súa función social e, dende logo, desenrolando esta ambiciosa programación teatral para os meses de novembro e outubro na nosa vila”.
Dende a organización, Lidya Giselle Almonte destacou a “gran cantidade de compañías de teatro amador que amosaron o seu interese por participar nunha mostra coa que aportamos o noso gran de area á programación cultural do Carballiño”. Almonte agradeceu o apoio da Deputación e o Concello á Mostra de Teatro Amador Terras do Orcellón e reivindicou a importancia de “investir na cultura”.
Programación
A XV Mostra de Teatro Amador Terras de Orcellón programará sete obras de compañías galegas entre outubro e novembro: todas celebraranse no Auditorio Manuel María do Carballiño a partir das 20,00 horas. A primeira cita será “Olimpo’s”, de Farandoleiras Cabaré -1 de outubro-. A partir de aí, “O enredo”, de A Tequerreté -12 de outubro-; “Un desastre de función” de Gargallada Teatro -15 de outubro-; “Siempre nos quedará Venecia” de La Caja de Pandora -22 de outubro-; “O documento” do Grupo de Teatro Ollomao -29 de outubro-; “Nadal na casa dos Lamelo”, de Achádego Teatro -30 de outubro-; e “Microtirulos”, de Tiruleque Teatro, composta por “Raios, tronos”, “Milhomes”, “Morreu a tía María” e “Reencarnación”, programada para o 5 e 6 de novembro.