O Carballiño analiza as súas fortalezas e ambitos de mellora no turismo, e o seu gran potencial como referente gastronómico

A casa do Concello do Carballiño acolleu a primeira mesa de traballo para a posta en marcha dun club de produto turístico de base gastronómica.
A xuntanza, que reuniu a máis dunha vintena de representantes do tecido empresarial e asociativo da vila e da contorna, supón o punto de partida dun proceso participativo mediante o cal se dará voz ás cadeas de valor turística e enogastronómica na definición das principais liñas mestras do futuro club de produto.
Esta iniciativa, impulsada ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino “O Carballiño e a gastronomía do polbo” financiado pola Unión Europea NextGenerationEU, ten como obxectivo consolidar O Carballiño como un destino turístico sostible, innovador e referente no eido gastronómico.
O polbo, recoñecido como un símbolo da cociña galega, e cun percorrido histórico que avala o seu recoñecemento como referente gastronómico do Carballiño convértese no eixe principal desta actuación. Búscase non só realzar a importancia cultural e histórica do polbo, senón tamén fortalecer a conexión e complementariedade con outro produtos da contorna, como o viño da Denominación de Orixe do Ribeiro e o pan da Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea.
Esta primeira xornada de traballo organizouse en catro grupos que debateron sobre a situación actual do turismo no Carballiño, a través da análise das principais fortalezas e ámbitos con marxe de mellora. Os resultados extraídos desta primeira dinámica grupal serán de especial utilidade á hora de definir os obxectivos e liñas de traballo do futuro club de produto.