O Carballiño Centro Comercial Aberto inicia unha campaña de captación de socios
O Carballiño CCA inicia unha campaña de captación de socios, debido ás chamadas rexistradas nos últimos días de negocios interesándose polos servizos que ofrece a asociación empresarial.
O colectivo envía unha comunicación aos establecementos do Carballiño, que non son asociados, no que ofrece información do traballo realizado nestes duros tempos ocasionados polo Covid-19, así como dos servizos e das actividades organizadas ao longo de todo o ano para dinamizar o comercio e a hostalería no Carballiño.
A asociación Carballiño CCA fai un chamamento á unión do empresariado carballinés . Na carta destácase que “na actualidade desde que comezou toda esta situación creada polo Coronavirus, vimos informando puntualmente os membros da nosa asociación de todas as novidades normativas, aconsellándoos en todas as dúbidas e cuestións que nos presentan, atendendo as súas peticións dentro das nosas posibilidades e estamos a facilitar na medida do posible o material necesario para reabrir todos os nosos negocios. Ademais permanecemos en contacto con todas as administracións para reclamarlles medidas de apoio e axuda esenciais hoxe en día, e que como é lóxico, estas peticións ou esixencias terán máis peso canto máis grande sexa o noso colectivo”. E engade: “a importancia de estar ben informado e asesorado, tanto da normativa, que cada día é cambiante, como das axudas que veñen publicando, será vital tamén para todos os empresarios. Desde Carballiño CCA garantimos estes servizos de forma gratuíta.
As empresas interesadas poden obter máis información dirixindo un correo electrónico a carballinocca@gmail.com ou no teléfono de contacto 988530011
Carballiño CCA conta, a día de hoxe, con preto de 90 establecementos asociados. As últimas altas son Hotel Restaurante Ou Xardín, Florería Flor de Lis, Café Bar o Caserío, Cortinas López e Plumetti, aos que a asociación dá a benvida.
A xerente, Noelia Mares, confirma que “media ducia máis de empresas do Carballiño pedíronnos información sobre o noso funcionamento. Engade que “quixemos aproveitar todas estas chamadas para poñer en marcha esta campaña de captación de socios, porque cuantos máis sexamos máis cousas poderemos facer xuntos e para beneficio de todos os nosos asociados e asociadas”.
Durante a crise ocasionada polo Covid-19 Carballiño CCA non pasou á cobranza as cotas dos seus asociados nos meses de abril e maio.
O presidente de Carballiño CCA, Julián Garriga, explica que “agora estamos a estudar como afrontaremos os próximos meses. Os negocios están a abrir aos poucos . Imos ser flexibles cos novos asociados que se dean de alta desde agora , xa que comezarán a pagar a súa cota en agosto e así valoran a súa decisión de formar parte da asociación. Garriga engade: “isto suponnos un esforzo moi grande para a asociación, economicamente falando, pero entendemos que así tiñamos que facelo.
Por outra banda, desde Carballiño CCA indican que o horario de atención ao público será de 9:30 a 14:30 horas de luns a venres. Tamén lembran que a asociación dispón do seguinte número de teléfono: 698173665 e do mail carballinocca@gmail.com para ampliar a súa atención de consultas ou asuntos diversos.