"O Carballiño contigo" repartirá entre a veciñanza 2.000 tarxetas de 25 euros para gastar no comercio e a hostalaría local, coa finalidade de fomentar a economía circular
Tras asinarse o convenio de colaboración entre a Área de Promoción Económica do Concello do Carballiño e a Asociación Carballiño Centro Comercial Aberto, o programa de tarxetas bono “O Carballiño Contigo” para a reactivación da economía local, bota a andar coa apertura do prazo de inscrición para os establecementos interesados en participar. O prazo de participación estará aberto dende o 1 de decembro ata o 15 de decembro, e as inscricións realizaranse a través de www.ocarballinocontigo.com.
Calquera consulta ou dúbida relacionada co programa atenderase exclusivamente a través do correo electrónico info@ocarballinocontigo.com. A participación obriga aos establecementos a colocar os materiais informativos da campaña nun lugar visible dos mesmos, a utilizar a imaxe oficial do programa en calquera publicidade ou promoción que realicen e a comunicar á Asociación Carballiño Centro Comercial Aberto calquera incidencia ou mal uso dos bonos que poidan observar nas súas instalacións. Unha vez remate o prazo de adhesión dos establecementos, abrirase o período de distribución das tarxetas bono “O Carballiño Contigo” para todas as persoas maiores de 18 anos.
A veciñanza poderá adquirir, previo pago de 25 €, unha tarxeta bono de 50€ por persoa presentando o seu DNI, implicando deste xeito a toda a poboación activa na reactivación da economía local. Ademais de aplicar un criterio de universalidade social local, xa que os bonos estarán a disposición de todas as persoas maiores de idade, o programa contribúe a fomentar a economía circular, porque só serán válidos no Carballiño; a reactivar a economía, porque poderán gastarse nas empresas afectadas pola declaración do estado de alarma, e a implicar a toda a cidadanía no reto da reactivación e o consumo local.
A campaña terá un gran impacto na vila, xa que se distribuirán un total de 2.000 tarxetas e poden participar todas as empresas excepto os espazos de gran distribución destinados á alimentación (hipermercados), as estacións de serrvizo de combustible e as salas de xogo/apostas; e ademais, dado que haberá que gastar os bonos nun prazo determinado , garántese a recuperación do consumo a curto prazo. A maiores, a iniciativa persegue a sensibilización da poboación máis nova co consumo de proximidade fronte ás grandes superficies e a venda online e ofrece ás empresas participantes a oportunidade de fidelizar a súa clientela.