O Carballiño énchese a fin de semana de ciclistas e afeccionados, o que obrigará a cortar e restrinxir o tráfico en dez rúas. A organización agarda a máis de 900 participantes.
O Carballiño acolle esta fin de semana Gran Premio BTT Carballiño 2023, un evento deportivo que constará de tres probas, con aproximadamente 900 participantes.
A primeira proba será o Campionato Galego de XC Eliminator - XC Eliminator Urbano Concello do Carballiño Copa Deputación de Ourense 2023, que se levará a cabo o sábado pola tarde no centro da vila e contará coa participación duns 150 ciclistas maiores de 14 anos. A competición será en formato novo, con carreiras moi explosivas e utilizando obstáculos artificiais para dar máis emoción e vistosidade á proba.
O domingo pola mañá terá lugar a VI edición da Mini BTT en Pena Cobertoira, coa participación de preto de 450 nenos e nenas. Pola tarde, no mesmo lugar, terá lugar o I XCO Concello do Carballiño, unha proba puntuable para a Copa Galicia de XCO que contará co concurso duns 300 ciclistas de distintos clubes galegos.
O evento atraerá a máis de dous mil persoas á localidade e posicionará a Carballiño como referencia do ciclismo galego nesta fin de semana. O Club Ciclista Carballiño anima aos veciños “a asistir e gozar destas espectaculares probas”.
Cortes nas rúas pola celebración das probas
Debido a esta competición, o sábado e o domingo haberá cortes de paso e restricións de tráfico nalgunhas rúas e estradas.
Así, o sábado veranse afectadas a Praza Maior, a rúa Rosalía de Castro, a rúa Caridade, a rúa Aldara, a rúa Perfectino Vieitez, a rúa José Cendón Millara, a rúa Alameda, a rúa Norte, a Praza Irmáns Prieto e a rúa do Carme.
O domingo, as estradas afectadas serán as de acceso a Pena Cobertoira desde Miomas e Bouteiro, así como o tráfico rodado cara Bouteiro e dende Bouteiro. Desde a 15:00h será desviado pola aldea da Regenga.
Os organizadores destas probas e o propio Concello piden disculpas de antemán polos trastornos que pudiran ocasionar estas alteracións no tráfico e o tránsito pola vila, ao tempo que valoran este tipo de eventos como moi importantes para dinamizar a economía local.