O Carballiño "Pon unha foto na rúa" coa colaboración de concello e a asociación "O Potiños"
A Asociación fotográfica O Potiños, en colaboración co concello do Carballiño, convoca para o próximo domingo, 29 de maio, unha nova edición do Festival “Pon unha foto na rúa”.
Este evento ten por obxecto secundar unha iniciativa internacional, á que se adheriu España no ano 2009, dirixida a promover a arte fotográfica en todo o mundo.
O Potiños celebra a terceira edición, e consiste na exhibición de fotografías cedidas polos veciños, que se colocan en paneis ou pendurando dunhas cordas nos soportais e na Praza Maior.
Por isto, o presidente da asociación, Manuel Blanco, que realizou a presentación xunto co concelleiro de Cultura, Diego Fernández, pediu a colaboración veciñal para que aquelas persoas que o desexen acudan á Praza Maior do Carballiño coas súas fotografías para que poidan ser expostas e contempladas polos demáis veciños.
As fotografías poden ser de calquera temática, estilo e tamaño, sempre que midan máis de 10 cm. Este festival fotográfico desenvolverase o domingo, 29 de maio, dende as dez da mañá ata as oito da tarde, ininterrumpidamente, pois contará en todo momento coa presencia dos membros da asociación O Potiños.
Como unha actividade complementaria, esta asociación vai montar unha carpa cedida polo Centro Comercial Aberto, na que instalará un estudio fotográfico completo para realizar retratos artísticos a todas as persoas que o desexen. Estes retratos formarán parte dunha exposición que se realizará nun local da rúa do Paseo. Ao mesmo tempo, nesta carpa, os membros da asociación continuarán recollendo fotografías antigas para formar parte dun fondo fotográfico do Carballiño.
As fotografías serán escaneadas e devoltas aos seus donos no momento. Manuel Blanco asegurou que a colaboración dos carballiñeses coas actividades da asociación era sempre moi importante e que esperaba unha gran participación nestas iniciativas que se desenvolverán o domingo na Praza Maior e nos soportais na rúa do Paseo. Pola súa parte, Diego Fernández agradeceu o traballo que desenvolve esta asociación a prol da fotografía e resaltou que a súa actividade complementa e enriquece a programación cultural do concello, e que por iso hai una mútua colaboración.