O Carballiño promociónase na Feira de Turismo "Expocidades" que se celebra en Braga
O concello do Carballiño contará cun stand na feira de turismo “Expocidades”, que organiza o Eixo Atlántico na cidade portuguesa de Braga esta fin de semana.
Vintecinco cidades, vilas e deputacións provinciais de Galicia e Portugal estarán representadas nesta feira que comeza o venres, 31 de maio, e remata o domingo, 2 de xuño. Da provincia de Ourense haberá stands do Carballiño, Ourense capital e a Eurocidade Chaves-Verín.
A área de Turismo do concello do Carballiño acude a esta feira co obxectivo de promocionar os recursos turísticos da vila e do municipio, como son os balnearios, a gastronomía, o patrimonio natural e monumental, as celebracións festivas como a Festa do Pulpo, o Entroido de Verán e a Feira medieval A Liorta; os aloxamentos en hoteis e casas de turismo rural, así como no camping municipal e bungalows.
Ademáis de folletos divulgativos de todos estes recursos, a stand do concello contará cunha pantalla de plasma na que se reproducirá o vídeo “O Carballiño, Vila Turística”, gravado con drons en alta definición, e que leva máis de 70.000 reproducións en Faceboock en menos dun mes.
O alcalde, Francisco Fumega, e o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, visitarán a feira o venres, onde participarán en diversos actos, así como en programas de radio.