O Carballiño recibe a 94 participantes no programa "Reencontros con Galicia", aloxados na residencia de Tempo Libre.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou aos participantes do programa Reencontros con Galicia na residencia de tempo libre do Carballiño. Miranda estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, para coñecer de primeira man as experiencias dos 94 galegos que recibíu a residencia carballiñesa.
Os beneficiarios deste programa, no que colabora a Consellería de Política Social e Igualdade, teñen unha media de idade de 78 anos e proceden da Arxentina, do Brasil, do Uruguai, de Venezuela e de Cuba. Entre eles destaca a persoa de maior idade, de 96 anos, que chegou desde O Uruguai para participar no reencontro coa súa terra de orixe, e a máis nova, que conta con 66 anos e procede da Arxentina.
Ademais, é significativo que unha decena de persoas non volveran a Galicia desde que emigraran, e algunhas levaban máis de 70 anos sen pisar a súa terra natal. Miranda puxo en valor a importancia deste programa, que busca non só facilitar o reencontro familiar, senón tamén permitir que os participantes coñezan a Galicia actual e o seu patrimonio cultural e natural.
Durante a visita, destacou a emoción que viven moitos dos participantes, especialmente aqueles que regresan despois de tantas décadas. O secretario xeral reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia de seguir apoiando iniciativas que, como Reencontros con Galicia, manteñen vivos os vínculos entre os galegos do exterior e a súa terra. “Para a Xunta é unha prioridade facilitar estes reencontros, que permiten que os nosos maiores revivan as súas raíces e manteñan unha conexión emocional coa Galicia que deixaron atrás, pero que nunca esqueceron”, sinalou Miranda.