O Castro de Lás e o Mosteiro de Oseira, protagonistas no calendario 2025 de Historia da revista National Geographic
A revista internacional National Geographic vén de dedicar o seu calendario 2025 de Historia a distintas paisaxes, edificios e elementos patrimoniais da provincia de Ourense que revelan a maxestuosidade e beleza e tamén o pasado desta provincia. Turismo de Galicia colabora nesta publicación dentro da súa liña de actuación de difusión e promoción poñendo en valor todos aqueles atractivos propios e tamén na súa estratexia de internacionalización do destino.
O calendario que se está a distribuír co número de decembro desta prestixiosa publicación e que leva por título ‘Ourense. Patrimonio, Arte e Paisaxe’ inclúe na súa portada unha fotografía do claustro do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.
A continuación, ilustra cada un dos meses cunha fotografía principal e outra de menor tamaño de edificios, paisaxes, tradicións e elementos artísticos. Así o mes de xaneiro inclúe unha instantánea do Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense, atribuído a un dos discípulos de Mestre Mateo. O mes de febreiro queda ilustrado cunha imaxe da Ribeira Sacra que se complementa con outra fotografía, neste caso, sobre a celebración do Entroido, festa moi arraigada nesta provincia e que ten lugar neste mes.
Marzo ten unha fotografía do Castro de San Cibrán de Lás en San Amaro-Punxín que se complementa con outras dun fragmento de cerámica atopada nestes emprazamentos castrexos. Os meses de abril e maio son ilustrados con fotografías da Ponte e igrexa de Allariz e da xudería de Ribadavia, mentres que xuño o fai cunha instantánea do Cañón do Río Mao e tamén do conxunto de hórreos A Feira, na Merca.
O Mosteiro de Oseira, no concello de San Cristovo de Cea, protagoniza o mes de xullo mentres que o de agosto se rende ante a paisaxe do embalse do Lindoso. A igrexa de Santa María Madre en Ourense xunto coa fachada do Concello desta cidade son as imaxes de setembro mentres que outubro aborda cultura vitivinícola da zona cunha fotografía do contorno dos ríos Cabe, Miño e Sil.
O mes de novembro está ilustrado por unha instantánea de Santa Cristina de ribas de Sil, un mosteiro benedictino, e tamén pola fachada da Nosa Señora das Ermidas, no Concello de O Bolo. Pecha este calendario no mes de decembro a nave principal da Catedral de San Martín de Ourense.