O CCA celebra este sábado dia 22 o "Dia de Compras" con sorteos, micro-desfiles, música, e actividades infantís e de animación na rúa
Por segundo ano consecutivo e ante o éxito do pasado ano, o Centro Comercial Aberto promove para este sábado, 22 de xuño, un Shopping Day no que participarán 31 establecementos comerciais.
En horario de 10,00 a 14,00 h., e de 17,00 a 21,30 h., estes establecementos permanecerán abertos ao público ofrecendo descontos e participacións para entrar no sorteo de 300 euros en vales de compra ou para degustar pinchos en dez locais hostaleiros asociados ao CCA.
Durante toda a xornada, a partir das 10,30 h., en que terá lugar a inauguración na Praza Maior, haberá animación de rúa con charangas, dj, zancudos e atraccións infantís, así como catro desfiles pola mañá e tres pola tarde que se celebrarán nas rúas céntricas da vila.
Nesta iniciativa participan establecementos de todos os sectores do comercio: moda infantil, xuvenil, de home e muller; zapaterías, complementos, librerías, xoierías, etc…
Diego Fernández felicitou ao CCA e aos establecementos por promover esta iniciativa encamiñada a dinamizar o comercio e as compras, e ao mesmo tempo dar animación na vila e atraer aos visitantes da comarca. Neste sentido, fixo un chamamento á veciñanza para que participe nas actividades programadas e aproveite para realizar compras de produtos de tempada con descontos.
Noelia Mares, xerente do CCA, asegurou que a boa experiencia do pasado ano facía albergar un bo día para o comercio no Shopping Day deste sábado, e dixo que se facía durante toda a xornada porque se abrían máis posibilidades tanto para os clientes como para realizar actividades.
Recordou que o comercio local era de gran calidade, e que valía a pena facer compras neste día, xa que ía ser como un adianto das rebaixas do verán. Agradeceu a colaboración da Axencia Luena, que se encargará de organizar os sete desfiles previstos, e ao club de patinaxe Fénix, que ofrecerá unha exhibición.
Finalmente, dixo que era unha festa do comercio de cara aos clientes, e que por eso esperaba unha gran participación e un do día de ventas.