O Centro Chamoso Lamas e Outeiro organizan unha xornada para expoñer os efectos dos incendios no patrimonio natural e arqueolóxico
O Centro de Estudios Chamoso Lamas, en colaboración co Grupo de Acción Ecoloxista Outeiro, organiza este próximo sábado, 29 de outubro, unha andaina guiada ao xacemento arqueolóxico de Molín, que resultou moi afectado polo lume este pasado verán. Trátase de observar e explicar os efectos devastadores dos incendios forestais no patrimonio natural e no arqueolóxico.
A zona de Molín atópase nas parroquias de Brués e Moreiras, no concello de Boborás, que foi un dos lugares máis afectados polos incendios que acaeceron este pasado verán na comarca do Carballiño.
O percorrido desta andaina é duns 5 km., aproximadamente, e estará guiada polos responsables das seccións de Arqueoloxía e Bioloxía do Centro de Estudios Chamoso Lamas, así como por representantes do Grupo Outeiro.
A saída está prevista para as 10 da mañá, dende a igrexa de Brués, que é o punto de encontro.
Asemade, pola tarde, ás 7, terá lugar unha conferencia na Casa da Cultura, que será impartida polo presidente da Sociedade Galega de Historia Natural e investigador do CSIC, Serafín González Prieto, e que leva por título “Incendios forestais: a marea negra dos montes galegos”.
Tanto a andaina como a conferencia son de carácter aberto, polo que se convida a todas as persoas interesadas a asistir a ambos eventos.
Ambas iniciativas forman parte das actividades programadas polo centro de estudios para este último trimestre do ano.