O Centro Comercial Aberto valora o éxito da Feira do Stock e cifra en 38.000 euros o volume de negocio acadado

A recente edición da "Feira do Stock" organizada polo Centro Comercial Aberto (CCA) do Carballiño concluíu cun notable éxito, xerando un volume de negocio arredor dos 38.000 euros.
Este evento, que contou coa colaboración do Concello do Carballiño e o cofinanciamento da Xunta de Galicia, consolidouse como unha cita imprescindible para comerciantes e consumidores da comarca. Segundo as enquisas realizadas entre os 14 establecementos participantes, o 90% deles mostráronse satisfeitos coas vendas obtidas durante a feira, e a totalidade expresou o seu interese en participar en futuras edicións. A pesar das condicións climáticas durante a fin de semana, a afluencia de público foi constante, o que demostra a importancia deste tipo de iniciativas para dinamizar o comercio local.
Un dos momentos máis destacados do evento foi o sorteo presencial dun vale de compra por valor e 100 euros, que atraeu por centos de persoas á carpa instalada na Praza Maior. A afortunada gañadora, María Jesús Ledo, realizou varias compras nos comercios participantes da feira e, tras ser premiada, dispuxo da mesma xornada para trocar o seu premio nas distintas casetas participantes, levándose consigo unha gran cantidade de produtos.
O éxito desta edición motivou ao CCA do Carballiño a comezar os preparativos para a próxima "Feira do Stock" de verán, prevista para agosto. Desde a organización, agradécese especialmente o apoio do Concello, así como o cofinanciamento da Xunta de Galicia.
Esta colaboración entre institucións e comerciantes locais reforza o compromiso co desenvolvemento económico da rexión e a promoción do comercio de proximidade, ofrecendo ás consumidores oportunidades únicas para adquirir produtos de calidade a prezos reducidos.