O Centro de Estudos Chamoso Lamas e COPE O Carballiño reciben os premios Insua dos Poetas
Os premios "Insua dos Poetas" 2016, entregados no transcurso da VIII Festa da palabra, levaron este ano distintivo carballñés.
O Centro de Estudos Chamoso Lamas recibíu o premio pola súa defensa do Patrimonio e do Medio Ambiente, galardonando o xurado a "o seu presidente, o profesor Xosé Luis Sobrado e a todos o seus integrantes e colaboradores polo esforzo que veñen mantendo no estudo e investigación do patrimonio histórico e na divulgación da riqueza artística e natural das comarcas do Carballiño e O Ribeiro".
COPE O Carballiño e Xan Fernández Pinal tiveron o recoñecemento na modalidade do "emprego da lingua e a promoción da cultura propias nos medios de comunicación, e pola encomiable labor de información comarcal, aberto sempre á pluralidade ideolóxica e centrado nunha realidade poliédrica que vai do local ao universal", recolle a acta do xurado que, expresamente fai referencia a esta emisora de radio como "pioneira na radiacion de esquelas na lingua galega, iniciativa que contribúe, decididamente, á normalización linguística".
Ademáis, tamén foron distinguidos cos premios Insua dos Poetas 2016, a escritora Inma López Silva pola súa labor literaria; A Irmandande Galega de Venezuela pola súa contribución á cultura galega no exterior, e a adega vitivinícola "Cachín" da Ribeira sacra, pola súa acción económica e social a prol da cultura galega.
A VIII Festa da Palabra celebrada no parque natural e cultural da Insua dos Poetas, sito na carballiñesa parroquia de Madarnás, servíu para homenaxear ás escritoras, as irmás Pura e Dora Vázquez. Precisamente, na súa lembranza, quedou instalado un monumento nesta paraxe, obra de Luis González Tosar.
O presidente da Fundación salientou que a Insua dos Poetas "é un proxecto novidoso, no que a natureza dialoga coa palabra escrita, coa literatura, cos artes plásticas e coa creatividade".
A esta nova edición da Festa da Palabra asistiron representantes de varias institucións, como os conselleiros de Cultura e Medio Rural, Román Rodríguez e Ángeles Vázquez; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o presidente da Deputación de Ourense Manuel Baltar e o alcalde do Carballiño Francisco Fumega, entre outros.