O Centro de Estudos Chamoso Lamas presenta a revista "Argentarium" e reclama aos concellos que protexan o patrimonio
Os arqueólogos do Centro de Estudios “Chamoso Lamas” da comarca do Carballiño, reclaman aos concellos a catalogación das rochas con petroglifos descubertas recentemente. Concretamente, refírense ás 13 rochas con motivos xeométricos grabados, correspondentes ao III milenio A.C., que descubriron en diversas parroquias dos concellos do Carballiño, Boborás, O Irixo e San Amaro.
Segundo sosteñen, é o primeiro paso que hai que dar para poder salvagardalos.
A elaboración dunha guía con estes achagos, é un dos alicientes do último número da revista “Argentarium”, que edita o centro de estudios carballiñés.
A revista, de case 200 páxinas, contén 15 artigos de grande interese histórico referidos ao Carballiño e á súa comarca. Neste número, que é o sexto, ainda que o centro de estudios conta xa con 13 publicacións dende a súa creación, expóñense traballos sobre algúns documentos inéditos, como é un “Plano e memoria do Balneario do Carballiño”, de 1868. Tamén resulta salientable a historia do Muíño de Toscaña, do século XVIII, un dos máis grandes da comarca, con cinco pares de moas e que deu orixe á fervenza do Balneario.
Asemade, noutro artigo recóllese unha completa biografía dun dos políticos máis sobresaíntes da comarca no século XIX, Tomás María Mosquera, e noutro, se relaciona aos poetas vencellados con Maside, cunha referencia especial a Francisco Luís Bernárdez, Premio Nacional de Poesía, en Arxentina.
En relación á comarca, tamén destaca unha investigación sobre o sistema familiar e as prácticas sucesorias no Ribeiro do Avia, e outros sobre as igrexas románicas de Madarnás e Santo Tomé O Vello.
A revista estará a venda nas librerías do Carballiño a partir da próxima semana, ao prezo de 15 euros.