O chef Estrela Michelín Manuel Domínguez Carrete, distinguido como "Embaixador da Festa do Pulpo e do Carballiño en Madrid"
O concello do Carballiño rendeu hoxe homenaxe a Manuel Domínguez Carrete, chef do restaurante Lúa, e entregoulle unha placa coa distinción de Embaixador da Festa do Pulpo e do Carballiño en Madrid.
O acto, que estivo presidido polo alcalde da vila, Francisco Fumega, contou coa presenza do concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Dacal, o concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira e a concelleira de Medio Ambiente, Érika Paz, así como a nai de Manuel Domínguez, Adela Rosa Carrete e as xefas de cociña e sala do restaurante Lúa, Paula Villanueva e Mari Morales, ademais do propio cociñeiro e empresario restaurador carballiñés Manuel Domínguez. Francisco Fumega resaltou que o traballo de Manuel Domínguez Carrete é “un exemplo para a mocidade carballiñesa como modelo de emprendemento e creatividade”.
Do mesmo xeito, agradeceulle o feito de “abrir unha porta que conduce ó progreso e ó éxito”. O restaurante Lúa é unha referencia da nova cociña na capital de España, e conta cunha Estrela Michelín dende finais do ano pasado. O seu chef e impulsor, Manuel Domínguez, prepara o polbo, prato estrela de Galicia, dos xeitos máis innovadores. O seu traballo supón o prólogo a un salto cualitativo en canto a calidade e servizo no modo de cociñar o cefalópodo.
No remate da presentación, Domínguez Carrete agradeceu esta homenaxe e o recoñecemento do concello do Carballiño, así como a confianza que a súa familia depositou nel, con especial mención ó seu pai. Do mesmo xeito referiuse á relevancia do apoio brindado polas súas xefas de cociña e sala, Paula Villanueva e Mari Morales, que, en palabras de Carrete, “cada vez se senten máis galegas”. O chef carballiñés asistirá como convidado de honra á elaboración da Tapa de Pulpo Máis Grande do Mundo, que terá lugar esta tarde na Praza Maior do Carballiño.