O ciclo de humor "Carballiño Comedy 3" traerá ao auditorio seis espectáculos nos próximos meses
Seis destacados humoristas de ámbito nacional e un galego conforman o cartel da terceira tempada do ciclo de monólogos “Carballiño Comedy”, que se desenvolverá no auditorio municipal do Carballiño dende o 3 de decembro ao 12 de maio. Trátase de Miguel Lago, El Sevilla, Pablo Carbonell, Antípolez, José Corbacho e Carlos Blanco.
O evento foi presentado polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e os representantes da productora MoitaMerda Promocións, Juan Quintela e Lito Caballero. Miguel Lago abrirá o ciclo o domingo, 3 de decembro, ás 20,00 h. O seu espectáculo “Que no salga de aquí” é estrea en Galicia.
Así o asegurou Juan Quintela, que agradeceu ao concello e á concellaría de Cultura a colaboración que manteñen dende hai dous anos e que sitúa ao Carballiño entre as localidades preferentes dos espectáculos que promove a súa compañía en Galicia.
O sábado, 13 de xaneiro, ás 21,00 h., actuará El Sevilla, e Pablo Carbonell o fará o sábado, 3 de febreiro, ás 21,00 h. Trae un monólogo baseado na súa vida, e que tamén será estrea en Galicia. O 25 de marzo, sábado, ás 20,00 h., será a quenda de Antílopez, que foi cualificado como a gran sorpresa do humor a nivel nacional. José Corbacho estará no auditorio o sábado, 21 de abril, ás 21,00 h., e finalmente, Carlos Blanco pechará o ciclo o sábado, 21 de maio, ás 21,00 h.
Diego Fernández expresou a súa satisfacción pola aposta que fai MoitaMerda Promocións polo Carballiño, traendo espectáculos que só se poden ver nas grandes cidades, e asegurou que o cartel desta terceira tempada é excepcional, esperando que acade tanta expectación como a anterior, que foi seguida por máis de 3.000 persoas.
O concelleiro tamén adiantou dúas novidades importantes que atinxen a esta productora de espectáculos, como é a superproducción musical “La Bella y la Bestia”, que chegará ao auditorio do Carballiño o 28 de decembro, e o mago Joel, gañador da última edición de Got Talent de Maxia, que estará no Carballiño o 3 de marzo.
As entradas para os monólogos xa están á venda anticipada nos restaurantes A Fuchela e Comonacasa, ao prezo de 10 euros, ou a través de Internet, na páxina www.woutick.es, ao prezo de 10 euros máis gastos, en total 11 euros. E na taquilla o mesmo día dos espectáculos, a 13 euros.