O cine Club Carballiño reanuda as proxeccións semanais
Este venres día 30 de setembro o Cine Club Carballiño retoma ás súas habituais proxeccións de cada venres en sesións de 20:30 e 23:00 horas no Auditorio Municipal. A película escollida nesta ocasión é Win win, unha comedia norteamericana que acadou gran éxito no pasado festival de Sundance. O resto da programación para este mes de outubro son a película francesa De deuses e homes, a comedia española Amigos e a arxentina O home do lado. Os prezos das entradas e dos bonos son os mesmos que o ano pasado: 5 euros ao mes para parados, xubilados e estudantes (2 euros entrada solta) e 10 euros para o público en xeral (4 euros entrada solta). A novidade desta tempada e un bono de socio anual cun prezo de 60 euros, que se pode facer ben no propio auditorio antes das sesión o una Caixa Rural, facendo o ingreso na conta do cine club.
Os días 21, 22 e 23 de outubro volven as actividades das Xociviga, co bloque adicado ao cine de animación, con proxeccións de películas, documentais, presentación dos autores de banda deseñada e animación, exposicións, cursos de cine de animación e de banda deseñada, etc. O cine club valora positivamente a primeira fase desta edición das Xociviga, celebrada entre os días 10 e 13 de setembro. Nestes catro días asistiron ás proxeccións do auditorio e da casa da cultura máis de 650 persoas e participaron en diferentes actividades 26 invitados. A organización valora a boa acollida que tiveron os ciclos de documentais e as actividades paralelas, onde destacou o concerto de música de cine, que encheo o salón da pranta baixa do Casino. Tamén quere agradecer a colaboración de todas aquelas persoas que participaron nas Xociviga de xeito desinteresado e as fixeron posibles (técnicos, persoal do concello, directores, guionistas, actores, conferenciantes, …)