O Cine-Club Carballiño abre a nova tempada con 12 proxeccións durante o mes de setembro. Consulta aquí a programación.
Esta nova tempada do Cine Club adiándase un pouco este ano, e comezamos xa as nosas actividades a primeiros de setembro. Comezarán cun concerto ao aire libre do trío Caspervek, que porá música en directo á proxección dunha das películas míticas de Buster Keaton, El navegante. Será o 6 de setembro ás 22:45 horas dentro das actividades da Feira da Pepa Loba, coa que colaboramos este ano.
E ao día seguinte, o 7 de setembro, e tamén dentro da Pepa Loba, cine en 35 mm ao aire libre, coa proxección de dúas curtametraxes realizadas por Manuel Nanín e Pachi Baranda, Galiza e Lentura. Contaremos coa presenza dos directores e tamén de parte do elenco artístico. Será tamén ás 22:45 horas.
O día 12 de setembro, ás 20:00 horas, no auditorio Manuel María temos a preestrea do documentalVidas irrenovables, en colaboración con Afiandoovento, que reflicte o que moitas veces non nos queren amosar cando se fala de enerxías renovables. Conteremos ese día con Francisco Vaquero, director do documental, que estará uns días por Galicia presentado a súa producción antes da súa estrea comercial.
E continuamos xa os día 13, 14 e 15 de setembro con dous ciclos, un deles adicado aos máis cativos, aínda que non só, con tres películas prantexadas non só para nenos senón tamén para o público en xeral: Buenos días mundo, un canto á natureza feita con dibuxos en papel maché animados mediante a técnica de stop motion, un filme dunha grande beleza; Ponyo en el acantilado, dirixida aos máis pequenos, e tamén aos fieis do animador xaponés Miyazaki (estivo nominada ao León de Ouro no Festival de Venecia e hoxe está considerada un dos grandes clásicos da animación do sçeculo XX); e ¿Dónde está Anne Frank?, do israelí Ari Folman, dirixida a todos os públicos e non só aos pequenos da casa. As películas deste ciclo serán todas ás 18:00 horas e o custo da entrada é de 2 euros, xa que entra dentro da nosa programación de Filmoteca.
E eses mesmos días, 13, 14 e 15 de setembro, ás 20:00 e ás 22;30 horas temos un ciclo de 3 películas do cinema español máis recente: La casa, adaptación da novela gráfica de Paco Roca dirixida por Alex Montoya e protagonizada por David Verdaguer, Luis Callejo e Óscar de la Fuente, que destacan dentro cun conxunto coral de actores estupendos. No reciente Festival de Málaga gañou varios premios, entre eles os do público á Mellor película, o de mellor guión e mellor banda sonora. Tamén o premio Feroz da crítica. E dunha triunfadora en Málaga a outra, Segundo premio, de Isaki Lacuesta e Pol Rodríguez, que se alzou coa Biznaga de Ouro á Mellor película, dirección e montaxe. Sen dúbida unha das estreas máis esperadas deste ano. E rematamos o ciclo cunha pequena xoia, Mamífera, de Liliana Torres, unha estupenda reflexión sobre a maternidade (ou non). Continuamos a nosa programación xa coas nosas proxección habituais en venres en horario de 20:00 e 22:30 horas.
O día 20 de setembro teremos o documental Cristina García Rodero, la mirada oculta, colaborando co Arenteiro fotográfico. Película dirixida por Carlota Nelson, autora tamén do guión, que baixo a apariencia dun documental televisivo achéganos á obra e á personalidade dunha das fotógrafos máis importantes deste páis, que leva máis de cincuenta anos reflectindo os máis diversos temas a través da súa cámara. Unha buscadora infatigable que aos seus 74 anos segue a buscar a beleza para achegárnola a través da súa mirada. Unha auténtica institución que tivemos o pracer de ter aquí no Carballiño dando unha masterclass grazas ao traballo dos compañeiros do Potiños.
E o día 27 pechamos un setembro cheo de cine con outra das grandes películas da tempada, tamén de recente estrea: Siempre nos quedará mañana, da directora Paola Cortellesi. Mistura de comedia, drama e romance ambientada na Italia dos anos 40, é o gran éxito do cinema italiano deste ano, con 6 premios Donatello.