O Cine Club Carballiño comeza o ano con catro películas españolas para e mes de xaneiro. Consulta aquí a programación.

5, Xaneiro 2025

O Cine-Club Carbaliño comeza a súa programación para 2025 o día 10 con Marco, con 5 nominacións nos premios Goya, entre elas as de Mellor película, Mellor actor protagonista (un Eduard Fernández en estado de gracia este último ano) ou a de Mellor guión. O filme foi nominado tamén á mellor película no Festival de Venecia. Público e crítica coinciden en sinalala como unha das grandes películas deste ano.

Continuaremos o venres día 17 con unha comedia, a última película de Dani de la Orden, Casa en llamas, gañadora do premio do púlico nos Premios Forqué e con moitas nominacións nos Goya (8), nos Premios Feroz (8) e nos Premios Gaudí (nada menos que 14). Outra das grandes favoritas para ser nomeada como mellor película española do ano.

O venres 24 teremos unha das sorpresas do cine español, Las chicas de la estación, de Juana Macías, que se confirma como unha das grandes cineastas do noso país. Drama social baseado en feitos reais, é un filme de denuncia á vez que unha fermosa historia de amizade entre mulleres.

E pecharemos o mes de xaneiro o día 31 co debut trala cámara de Paz Vega. O seu filme, Rita, valeulle a nominación á Mellor director novel nesta edición dos Goya e o aplauso unámime da crítica. Unha auténtica e grata sorpresa.

Coma sempre os pases serán ás 20:00 e ás 22:30 horas no Auditorio Manuel María do Carballiño.