O Círculo de Podemos pide a creación dun plan municipal de saúde mental postcovid no concello do Carballiño
Os datos de diversos estudos que se están realizando evidencian o impacto do confinamento e, por suposto, da crise económica que terá consecuencias sociais e de saúde para as que temos ir preparándonos. A Organización Mundial da Saúde (OMS) advertiu xa a mediados do ano pasado das consecuencias para a saúde mental que está a ter a COVID-19 no mundo e as que vai ter no futuro, cun posible aumento de suicidios e de trastornos, e instou aos distintos gobernos a non deixar de lado a atención psicolóxica.
Na sanidade pública galega hai menos de catro psicólogos clínicos por cada 100.000 habitantes, o que provoca a demora na atención e unha maior periodicidade entre consultas. Estas deficiencias no sistema público non deixan outras alternativas aos pacientes cá medicación, ou a sanidade privada, á que a gran maioría da cidadanía non pode acceder.
“Ante esta situación, dende o Círculo de Podemos de O Carballiño propoñemos apostar polo reforzo da Saúde Mental na liña que marca o Plan de Saúde Mental de Galicia PostCOVID19 do SERGAS, que toma como referencia o Plan de Acción sobre Saúde Mental 2013-2020 da OMS” comenta o portavoz local, Manuel Nogueira. “E para iso suxerimos tres liñas de actuación que se resumen nos acordos que vimos de expoñer na nosa proposta e que estamos a presentar en outros concellos de toda Galicia” apunta Nogueira.
Os acordos que formulan dende a agrupación morada serían:
1. Que o Pleno do Concello de O Carballiño inste ao SERGAS e ao Goberno da Xunta de Galicia á ampliación da área de psicoloxía do centro médico de O Carballiño.
2. Solicitar por parte do Concello ao Goberno da Xunta de Galicia e ao SERGAS a creación do ETAC (Equipo de Tratamento Asertivo Comunitario) no CHUO co obxectivo de garantir o servizo de saúde mental a domicilio de pacientes e usuarias no noso hospital comarcal de Ourense.
3. Instar á Xunta de Galicia a realizar unha diagnose sobre o impacto da COVID19 na saúde mental da poboación galega que reflicta a realidade do noso Concello.
4. Deseñar un plan de saúde mental municipal co fin de dotar ao Concello de O Carballiño dunha estratexia para abordar as políticas de mellora neste ámbito que inclúa:
◦ A Creación dun Gabinete Psicolóxico Municipal para complementar e coordinarse co servizo que teña que prestar o ETAC ás distintas pacientes e usuarias do concello de O Carballiño.
◦ Un programa de asesoramento e apoio en saúde mental a entidades sociais e profesionais que facilite a detección precoz de problemas psicolóxicos durante as súas actividades.
◦ Apoio ás entidades que traballan na inserción sociolaboral e psicosocial das persoas con problemas de saúde mental, para reforzar os servizos e programas de acompañamento e orientación no ámbito laboral ás persoas afectadas, baixo supervisión pública e cláusulas sociais.
◦ Desenvolvemento das competencias municipais en materia de saúde e sanidade. Reivindicación do papel dos concellos en materia de promoción da saúde, hábitos de consumo e saúde ambiental.
◦ Reactivación de tódolos órganos de participación do noso concello para a elaboración de plans de saúde mental coa participación de profesionais da rede de saúde mental pública, persoas relevantes do campo da saúde mental no noso concello e persoal con experiencia propia.
◦ Integración do noso Concello nos órganos de participación que dende o SERGAS e as distintas administracións van a desenvolver e avaliar as distintas liñas do Plan de Saúde Mental de Galicia PostCOVID-19 20202024 do SERGAS.
◦ A realización de campañas de sensibilización e contra a estigmatización das persoas con problemas de saúde mental.