O Club de Patinaxe AEHEDE organiza no Carballiño o 1º Torneo Grupos Show de Patinaxe Artística
Será o primeiro torneo destas características que se celebre no provincia de Ourense, e nel participarán 20 equipos de 15 clubes das catro provincias galegas, entre eles o equipo do club Aehde do Carballiño, que é o organizador do evento.
Terá lugar o sábado 29 de xuño no pavillón de deportes Paco Chao. A competición comezará ás 17,00 h., e rematará ás 20,00 h., pero pola mañá, a partir das 10,30 h., haberá sesións de entrenamento.
A presentación fíxose esta mañá, coa participación da concelleira Silvia Baranda e do presidente do Club Aehede, Uxío Álvarez.
Trátase da quinta competición que organiza o club Aehede no Carballiño esta tempada, entre elas a da Copa de España, e Uxío Álvarez asegura que ningún outro club de patinaxe de Galicia desenvolve unha actividade tan intensa como a deste club.
Con respecto ao Grupo Show do club, Uxío Álvarez destacou que, tras a presentación, a súa primeira competición oficial foi en Burgos no Trofeo Cid Campeador, e que agora toca esta do Carballiño. Esta modalidade de patinaxe artística súmase a outras que tamén se practican no club e na que participan 130 deportistas e 5 adestradores.
Finalmente, Uxío Álvarez agradeceu a colaboración do concello e das empresas patrocinadoras, sen cuxa axuda non se poderían organizar estas competicións que requiren un gran esforzo.
Silvia Baranda reiterou o compromiso do concello do Carballiño no apoio ao deporte e agradeceu o traballo que desenvolve o Club Aehde, que leva o nome da vila por Galicia e España adiante.
Así mesmo, amosou a súa vontade de mellorar as infraestruturas deportivas para que os clubes e as escolas podan contar con instalacións máis cómodas e axeitadas para a práctica deportiva e a realización de competicións.